Feijóo actúa como Dr.Jekyll e Mr.Hyde nun discurso insensíbel socialmente e sen ambición nacional

O portavoz do G.P do BNG, Francisco Jorquera, acusou a Núñez Feijóo de se comportar como Doctor Jekyll e Mister Hyde no seu discurso de investidura, “un discurso grandilocuente, autocomplaciente, sen sensibilidade social nin ambición nacional”.

Jorquera lamentou que o futuro presidente da Xunta tentara, por unha banda, enfatizar que a súa principal preocupación son os problemas da xente e logo, ao longo da intervención, evidenciara a súa total e absoluta obsesión pola política da mal chamada austeridade, que só agrava estes problemas.

Para o voceiro parlamentar do BNG, Feijóo só sabe de recortes, por iso as súas apelacións ao crecemento carecen de credibilidade, “veu aquí a vender só fume, como fixo ao comezo da pasada lexislatura, pois quero lembrar que naquel debate anunciou 135 plans, programas ou novas leis que todas se revelaron total e absolutamente inconcretas e inútiles para saír da crise”.

Sen autocrítica co medio rural

Jorquera criticou especialmente a falta de autocrítica de Feijóo nun día no que Galiza sofre unha folga de entrega do leite, cando as políticas da Xunta teñen unha “extraordinaria responsabilidade” na díficil situación que atravesa o sector.

“Non se pode vir falar de que Galiza está ás portas do rexurdimento –dixo- e ignorar a dramática realidade económica e social do País, é hora de comprometerse e rectificar políticas como ás que afectan aos gandeiros”.

En resposta aos xornalistas, o portavoz do grupo nacionalista asegurou que Feijóo ten un guión establecido e non sabe saírse do mesmo, por iso en vez de asumir o emprazamento que se lle fixo dende a tribuna de convidados para asumir compromisos claros e reais cos gandeiros seguiu lendo o discurso que tiña escrito.

Prezo xusto para o leite

Jorquera e o resto dos deputados e deputadas do grupo do BNG amosaron o seu respaldo á folga dos gandeiros amosando durante a intervención de Feijóo uns cartaces co lema: Prezo xusto para o leite. Asemade, unha vez rematada a sesión, acudiron ás portas da Cámara onde se estaban a manifestar os gandeiros.

 

 

http://youtu.be/5WcTm6GKM24

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG