O PP logrou impor na Eurocámara un informe desvalorizado máis preocupado por suprimir as referencias críticas á xestión do Goberno central e da Xunta que por aportar solucións concretas para completar o saneamento integral das Rías galegas.
O informe, aprobado por 20 votos a favor e 7 en contra, contou co apoio do PP e do PSOE e co voto en contra do Bloque a través do Grupo Verdes/ALE, ademais da total discrepancia de dúas dos tres membros oficiais encargados de redactar o informe, a liberal, Angelica Werthmann e a eurodeputada do Grupo Verdes/ALE, Tatajana Zdanoka, que presentaron unha opinión discrepante e solicitaron a retirada do seu nome do informe, algo completamente atípico neste tipo de informes.
Non podíamos apoiar un informe que se foi descafeinando ao longo destes meses de tramitación na Eurocámara por imposición do PP e coa compracencia final do PSOE, que rexeitaron a práctica totalidade das 41 emendas presentadas polo BNG, incluída a que solicitaba fondos finalistas para sufragar as infraestruturas pendentes e necesarias para completar o saneamento integral das rías galegas, explicou a secretaria de Política Internacional do BNG, Ana Miranda.
Miranda, que formou parte da delegación oficial de investigación como eurodeputada, cualificou o informe final de farsa que non cumpre as expectativas dos peticionarios, miles de galegos que levan anos loitando para que o saneamento integral da rías sexa unha realidade. O obxectivo das emendas do Bloque era acadar un informe que servise para aportar propostas que resolvan un problema que lastra o desenvolvemento do noso litoral, tras anos de incumprimento do Goberno central e da Xunta da normativa comunitaria en materia de calidade de augas.
Si se aprobou a emenda 72 do BNG, na que se insta ás Administracións públicas a proceder a retirada dos lodos da Ría do Burgo.
O Bloque propoñía que o texto final incluíse unha petición expresa ao Estado español para que use os fondos europeos que recibirá con cargo ao paquete financeiro 2014-2020 a garantir o financiamento das infraestruturas necesarias para completar o saneamento integral das Rías. Unha recomendación imprescindible, argumenta Miranda, tendo en conta que no presuposto estatal de 2014 non hai prevista ningunha partida para a Ría do Burgo, pese a ser das máis afectadas.
As emendas presentadas polo BNG a través do Grupo Verdes/ALE, tamén demandaban un programa específico para completar a limpeza do noso litoral co correspondente apoio orzamentario. E un recoñecemento expreso ao traballo realizado polos colectivos sociais, confrarías e persoas a título individual que levan anos loitando, moitas veces sen ningún apoio das Administracións, alega.
Igualmente, o Bloque considera prioritario que o Estado membro leve a cabo as medidas necesarias para recuperar a actividade extractiva e dar transparencia aos datos que informan sobre a situación das Rías, en concreto, que o INTECMAR publique os datos de seguimento da calidade das augas e sexan de acceso público.
En definitiva, subliña Miranda, o BNG pretendía que da Eurocámara saíse un informe que aportase solucións, que respondese ás demandas dos peticionarios e da sociedade galega de acadar o saneamento integral das nosas Rías.