As estatísticas do paro en GZ están distorsionadas porque non recollen o impacto da emigración

O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, aproveitou o seu contacto deste martes cos meios para avaliar os novos dados do paro rexistrado.

Enfatizou Guillerme que no que atinxe a Galiza as estatísticas do paro rexistrado están distorsionadas porque non recollen o impacto da emigración.

“O descenso circunstancial do paro en Galiza non ten a ver coa mellora da situación económica do País, tristemente, e si moito co feito de que moita xente nosa atopa traballo estacional nas Canarias ou nas Baleares, por pór un exemplo”, considerou o portavoz nacional.

Baixa calidade do emprego

Guillerme alertou tamén sobre “a baixa calidade” do emprego que se está a criar nos últimos meses, tanto no que atinxe ás condicións salariais como ao feito de seren moi maioritariamente contratos temporais.

En termos interanuais, Guillerme advertiu que o paro continúa a medrar e salientou que “a situación do emprego industrial comeza a ser desesperada”.

Con Pemex ou sen Pemex a situación naval é crítica

Interpelado polos xornalistas a respeito da visita a Galiza de directivos de Pemex, o portavoz nacional cualificou de crítica a situación do sector naval.

Se se poñen tan rufos en Europa, por que non interpoñen un veto até que se arranxe a situación do naval?

Foron decisións de carácter político -a supresión do tax lease, o veto a Astano...- as que teñen abocado ao sector naval galego a unha parálise sen precedente. “Esas decisións cámbianse se hai vontade política”, afirmou Guillerme.

“Se se poñen tan rufos nas cimeiras europeas, a ver cando o fan para interpor un veto até que se resolva a situación do naval galego”, retou o portavoz nacional.

Verbo do “presunto” contrato de Pemex, dixo que “ogallá que sexa realidade”, ao tempo que subliñou que “con Pemex ou sen Pemex, a situación do naval continuará a ser crítica” mentres os gobernos galego e central non o defendan politicamente.

“A verdade é que, máis alá dos cánticos oficiais, o de Pemex redúcese a unha visita duns directivos para ver se...Ou sexa, que todo está no ar. Con Pemex ou sen Pemex, o tema de fondo -a adopción de decisións políticas que nos teñen prexudicado, a urxencia por cambialas- segue sen ser abordado nin polo Goberno galego nin polo goberno estatal”.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG