Lourenzo: “Non podemos asumir como normal esperas de dúas semanas para ser atendido no centro de saúde polo médico ou médica de cabeceira”
Pide máis medios e recursos cun plan de choque de 200 M€ en atención primaria e solicitar a competencia en formación de persoal sanitario
Desde Ribadeo á Guarda, de norte a sur de Galiza, abondan os exemplos de centros de atención primaria con persoal insuficiente ou mesmo, directamente, sen persoal médico, desde o PAC de Ribadeo, cun só unha médica para atender a 14.000 usuarias a Vilagarcía, Cambados, Sanxenxo, Caldas ou Pontevedra, con algúns dos seus PACs sen ningún facultativo. Ao que se engade, profesionais exhaustos que teñen que traballar até en tres centros nunha mesma garda.
Unha situación de falta de medios e persoal, -que se agudiza no verán-, e que o viceportavoz parlamentario, Manuel Lourenzo, atribúe a trece anos de recortes e privatizacións da sanidade pública do Goberno do PP, xerando unha precariedade que afecta especialmente a atención primaria e provoca a desbandada do persoal MIR, que se forma en Galiza pero finalmente evita exercer nesta especialidade.
Lourenzo puxo os datos sobre a mesa. Dos 89 MIR que remataron este ano só 30 aceptaron quedarse; dos 11 MIR que rematan en Compostela só dous optan a quedarse en atención primaria; dos 23 en Vigo, só 10; dos 18 da Coruña, só 7; dos 11 de Ourense, só dous; dos 10 de Lugo só 5, dos 11 de Pontevedra-Salnés, só 1 ou só tres dos cinco de Ferrol.
“E ante esta situación de espantada dos MIR, o Goberno do PP vai en dirección contraria porque precariza aínda máis as condicións laborais ampliando horarios, incrementando cupos, incidindo nunha situación insostible e absolutamente disuasoria para os e as profesionais”, denuncia Lourenzo, “hai que rematar coa precariedade, o SERGAS non pode seguir convertida na maior ETT deste País”.
Neste sentido, a formación que lidera Ana Pontón insiste en solicitar a competencia en materia de formación do persoal sanitario, tanto o MIR, como os seus equivalentes para enfermería ou psicoloxía, tendo en conta que un 30% das consultas en primaria son referidas á saúde mental.
Ademais de reclamar ao Executivo de Rueda que rectifique, o BNG pon sobre a mesa medidas concretas a favor da sanidade pública, empezando por un plan de choque de 200 millóns de euros para sacar atención primaria do colapso e, a medio prazo, incrementar o investimento até o 25% do orzamento anual do SERGAS. Igualmente, recuperar todas as competencias das áreas sanitarias, empezando polas xerencias para ten unha atención primaria con capacidade de decisión na xestión, así como a contratación de novas categorías profesionais para incrementar a carteira de servizos que se ofrece nos centros de saúde.
O BNG propón habilitar todas as camas pechadas e reactivar a actividade de probas diagnósticas como intervencións.
“Non podemos resignarnos a asumir como normal citas de até 15 días de espera como ocorre en moitos PACs de Galiza, a que haxa centros de saúde sen persoal médico e non podemos resignarnos a que cada vez sexan máis habituais esperas dunha hora por unha ambulancia con resultados fatais”.
Esta situación é resultado dunha política de acoso á sanidade pública do PP, con medidas como contratos precarios, baixas, vacacións ou xubilacións que non se cobren, recorte nos orzamentos, -hoxe primaria ten 47 millóns de euros menos que en 2009, por exemplo-, en definitiva, recortes na pública mentres aumenta o negocio na privada”.
POVISA, conivencia do PP coa sanidade privada
Neste sentido, o BNG tamén fixo referencia a situación que vive POVISA, “exemplo da conivencia do PP co lobby da sanidade privada”, denuncia Lourenzo, un centro privado que volve pasar de mans “nunha gran timba entre multinacionais”, pese a que dese hospital depende a asistencia de 130.000 persoas e 1.400 postos empregos, “convertidos en mercancía”.
A formación nacionalista propón que se traballe para incorporar este centro á sanidade pública e acabar coa “anomalía” de que case a metade da área sanitaria de Vigo sexa atendida nun hospital privado que, iso si, recibe a maior parte dos seus ingresos dun concerto co SERGAS, o de maior contía do Estado, que se paga con impostos de todos os galegos e todas galegas. Unha vez máis, conclúe Lourenzo, negocio privado con cartos públicos.