Educación debe tomar nota da folga

Unha delegación do BNG participou este xoves en Santiago na manifestación estudantil convocada polas asociacións estudantís integradas na Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público contra os recortes en educación que está a aplicar tanto o goberno de Rajoy como o de Feijoo.

A portavoz parlamentar nacionalista, Ana Pontón, que participou na convocatoria xunto á secretaria de organización, Montse Prado, e a secretaria xeral de Galiza Nova, Iria Aboi, denunciou que o decreto do Goberno Central de recortes en educación “supón o maior ataque ao ensino público nos últimos anos”.

Neste sentido, cualificou de “escandaloso que o PP diga que non hai recursos para a educación mentres segue destinando miles de millóns de euros a salvar os bancos, que foron os que provocaron esta crise”.

Feijoo  ten que escoitar a voz do estudantado galego que lle están reclamando que os defenda e non aplique máis recortes

Ademais, a portavoz do Grupo Parlamentar do BNG instou a Feijoo a que “escoite a voz do estudantado galego, de miles de mozos e mozas, que lle están reclamando que os defenda”. “A súa obriga como presidente da Xunta -subliñou- é presentar un recurso contra o decreto do Goberno Central e intentar frear un modelo que ademais de ser un modelo educativo desastroso en termos sociais”.

Ana Pontón salientou que “para o BNG o ensino é un dereito ao que deben ter acceso en igualdade todos os cidadáns, e neste momento este decreto do goberno de Rajoy cuestiona claramente este dereito e camiña cara unha universidade elitista na que só os fillos das persoas con máis recursos van ter acceso á universidade”.

Por iso, demandoulle ao goberno de Feijoo que “tome nota do que están reclamando miles de galegos e galegas na rúa, que rectifique a súa posición seguidista do PP en Madrid e que se poña de lado da defensa do autogoberno de Galiza”.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG