Diga o que diga Rajoy, España está intervida

O portavoz do GP do BNG, Guillerme Vázquez, afirmou este mércores nunha reunión de traballo en Pontevedra que diga o que diga Rajoy España é un estado intervido.

O voceiro nacionalista explicou que os recientes anuncios feitos públicos por fontes do goberno sobre a redución de milleiros de empregos públicos e a suba do IVE son a proba palpábel de que hai intervención na práctica, pois son medidas que xa se adoptaron en países como Irlanda ou Grecia.

“A destrución de empregos públicos é acaso a grande aposta de Rajoy para loitar contra o paro?, prantexou Guillerme Vázquez, quen tamén criticou o medicamentazo ou a suba do IVE, que o único que vai traer consigo é maior depresión do consumo.

A suba do IVE e a redución de milleiros de empregos públicos son medidas que xa se adoptaron en países rescatados como Irlanda e Grecia

“Son todas elas medidas regresivas que xa fracasaron noutros países e que os levaron a agudizar a situación de recesión”, engadiu.

Recapitalización de NGB

Sobre a recapitalización de Nova Galicia banco, explicou que se ve con claridade que tanto o Banco de España como a Xunta están asumindo que o destino desta entidade “xa non o vai decidir nin siquera Madrid, senón o Banco Central Europeo, o que é o mesmo que dicir que o destino da metade dos aforros dos galegos depende de Alemania”.

O Banco de España e a Xunta están asumindo que o futuro de NGB vaino decidir finalmente Alemania

Para Vázquez, neste escenario a única forma de avanzar e ir cara un sistema financeiro propio, que ten na proposta de Banca Pública Galega do BNG a súa definición.

Preferentes

O portavoz do BNG referiuse tamén durante a súa intervención ante os medios á investigación da Fiscalía sobre a xestión das caixas e sobre as preferentes, amosando a súa esperanza en que haxa responsabilidades penais.

Neste sentido, foi máis alá e reiterou que teñen que depurarse tamén responsabilidades políticas e para iso é necesario constituir sen máis dilación a Comisión de Investigación no Parlamento.

“Tamén no caso das preferentes a solución é política –dixo- e hai que devolver os cartos aos estafados. Se houbo diñeiro para Bankia ten que habelos para as vítimas desta fraude”.

Códice Calixtino

No que atinxe á detención de tres persoas como supostas autoras do roubo do Códice Calixtino, explicou que agarda que permita recuperar axiña o libro e fixo un chamamento para que a Igrexa e a Xunta asuman as súas responsabilidades pola falla de seguridade e protección dos seus bens patrimoniais.

25 Xullo

Guillerme Vázquez fixo estas declaracións logo dun encontro con cargos institucionais e orgánicos do BNG en Pontevedra durante o que abordaron as liñas de traballo aprobadas polo último Consello Nacional para os próximos meses, destacando a campaña para celebrar o próximo 25 de Xullo como unha xornada de participación masiva “en rescate dos nosos dereitos”.

 

 

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG