Día Internacional da Muller: Artigo de Davila na Voz

A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, publicou no Día Internacional da Muller un artigo no xornal da Voz de Galicia titulado: "Tempos de regresión na igualdade", que podedes ler na seguinte ligazón:

Tempos de regresión na igualdade das mulleres

A realidade política e económica na que celebramos este 8 de Marzo, Día Internacional da Muller, obríganos ás mulleres a analisar o que esta a acontecer cos nosos dereitos, e os retrocesos que se están a producir se non facemos fronte ás políticas dos Gobernos de Rajoy e de Feijoó. A denominación de políticas “anticrisis” non é máis que o eufemismo que utiliza o PP para tratar de agochar a realidade do que está a facer, políticas antisociais que atentan contra dereitos recoñecidos.

É ben sabido que para acadar o ansiado obxectivo da igualdade de xénero precísase garantir tanto a independencia económica das mulleres como a modificación do modelo socio-educativo e cultural sustentado no corpus patriarcal machista, aquel que aínda se resiste a levar anclas. O avance en calquera destes ámbitos esta seriamente ameazado polas continuas reformas lexislativas que se están a realizar.

A autonomía económica da muller vai ligada á súa incorporación ao mundo laboral, que nos ten mostrado con toda crueza a desigualdade. A Reforma laboral acrecentou moito máis o modelo desigual e discriminatorio das relacións laborais, onde prima a desigualdade salarial, a desigualdade no acceso ao traballo, contratos en precario, xornadas reducidas e maior incidencia de paro. No ano de aplicación da reforma, o 76% dos contratos a tempo parcial foron feitos a mulleres.

Se ao inicio da crise a perda de emprego afectaba menos ás mulleres, desde mediados de 2011 o paro femenino se incrementou de maneira alarmante, debido a que acadou aos sectores laborais máis feminizados como son o sector servizos. Segundo un estudo da CIG, durante o ano 2012 30 mulleres perderon diariamente o seu emprego na Galiza.

Coa chegada do Goberno de Rajoy, producíronse grandes regresións, pasos para atrás. Os golpes viñeron un tras outro con recortes e reducións orzamentarias en todos os servizos públicos. Desfánse dereitos laborais e elimínanse ou reducense á mínima expresión os investimentos en materia social, co cal se carga directamente contra a igualdade das mulleres, sempre doblemente discriminadas.

As mulleres padecemos o anverso e o reverso da moeda porque o desemprego pón en serio risco a independencia necesaria para a igualdade, e por riba, a situación de deterioro laboral e os recortes en materia social minan a conciliación, o outro gran logro. Unha simbiose perfecta que é o caldo de cultivo para aquelas voces reaccionarias e machistas que aproveitan para peder a volta das mulleres aos intramuros domésticos.

A conclusión é evidente, estamos nunha fase regresiva, son anos negros para seguir avanzando. O actual Goberno elaborou un cóctel indixesto para a conquista da igualdade. E con toda seguridade, somos as mulleres as máis interesadas en revertir esta situación e facerlle fronte.

¡¡Hai máis razóns que nunca para non renunciar ao que temos dereito!!

Olaia Fernández Davila, portavoz do BNG no Congreso dos Deputados

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG