É innegábel que foron moitos os avances alcanzados no medio século que transcorreu desde a Revolta de Stonewall daquel 28 de xuño de 1969. Entre eles a eliminación da consideración como enfermidades mentais da homosexualidade e da transexualidade por parte da OMS e a Asociación Americana de Psiquiatría, respectivamente, ou o matrimonio igualitario no Estado español, un dereito que aínda se denega en moitos países do mundo, incluídos varios estados da Unión Europea.
Ao igual que todas as conquistas sociais, este logros foron froito da loita organizada do propio colectivo que na Galiza sempre contou cun movemento reivindicativo e combativo propio e que desde os seus inicios tamén contou co apoio do nacionalismo galego tanto nas rúas como nas institucións.
Desde o BNG, non deixaremos de exixir os plenos dereitos de todos os colectivos, grupos e sectores que conforman o pobo galego, traballando man na man coas organizacións de base para erixir unha alianza o máis ampla posíbel capaz de asentar as bases precisas para camiñarmos cara a unha Nova Galiza onde poderemos vivir en igualdade e liberdade.
Mais, a pesar do longo camiño andado, aínda fica moito por facer, non só para conquistar máis dereitos cara á construción dunha patria liberada máis xusta e igualitaria, mais tamén para manter os dereitos xa conquistados. Por isto, a loita segue a ser tan necesaria do que nunca para combater a LGBTfobía en todas as súas formas: a discriminación nos lugares de traballo, nos servizos de saúde, no ensino... e os constantes insultos, agresións e ataques.
No nivel internacional, tampouco podemos deixar de denunciar o lavado rosa (pinkwashing), a instrumentalización por parte da Entidade sionista da loita LGBT nunha tentativa de branquear a imaxe do réxime que perpetra o xenocidio programado do pobo palestino desde hai 76 anos.
A LGBTfobia non ten cabida en ningún ámbito do noso país, en que o respecto para a diferenza e a diversidade deben ser os alicerces que sustentan unha sociedade que se pretende democrática e plural. Sen renunciarmos, pois, a celebrar a nosa diversidade, resulta igual de imprescindíbel recuperarmos o carácter reivindicativo do Día do Orgullo, polo que chamamos á sociedade galega para que apoie as manifestacións e outros actos que se desenvolvan en todo o País.