Día da visibilidade trans: moito camiño por percorrer

Visibilidade trans
Visibilidade trans

O BNG quere aproveitar o día 31 de marzo en que se conmemora o Día Internacional pola Visibilidade Trans para reiterar máis unha vez o noso compromiso co colectivo LGBT en xeral e coas persoas trans en particular ante os continuados ataques e discriminación sistemáticas que sofren por mor da súa identidade de xénero, sobre todo as mulleres trans que se enfrontan día a día a unha dupla discriminación.

Vímolo nas rúas do noso país neste ciclo que se pecha dende o anterior día da visibilidade trans, un ciclo no que non só non se avanzou en dereitos senón no que tamén tivemos que denunciar múltiples agresións acontecidas nas rúas galegas, como aconteceu o pasado outono cando unha rapaza trans foi empurrada dende a muralla de Lugo polo seu agresor sufrindo secuelas de por vida.

Neste sentido, o BNG condena todo tipo de violencia machista e transfóbica, reiterando que as mulleres trans tamén son vítimas do feminicidio e do terrorismo patriarcal que atentan contra a vida das mulleres.

No noso traballo diario, seguimos a colaborar estreitamente coas organizacións LGBT de base nas actividades que desenvolven e nas reivindicacións que enuncian, participando activamente nas manifestacións e concentracións que se convocan en repulsa da violencia transfóbica e LGBTfóbica en xeral para contribuír a transcender os prexuízos e a discriminación sociais que denegan a cada un/ha o dereito de ser quen é en total liberade.

Por iso seguimos exixindo a plena despatoloxización das identidades trans tan necesaria e demandada polo colectivo. As persoas trans non son enfermas, e isto só se pode inculcar no conxunto da sociedade a través de políticas como a aprobación dunha lei integral trans galega, ademais dunha reforma educativa que permita que todas as crianzas, independentemente da súa identidade ou orientación sexual, medren libres e respectadas.

Seguiremos traballando en estreita relación co colectivo trans e as organizacións LGBT para crearmos unha Galiza segura para todas e todos, exixindo dereitos básicos como o dereito a ter un nome, a camiñar pola rúa sen medo, ao traballo, á vivenda, á saúde e ao benestar. Fronte a un sistema que nega a identidade das persoas trans, o BNG comprométese a seguir defendendo o dereito de todas as galegas e de todos os galegos a viviren con dignidade, liberdade e respecto independentemente da súa identidade de xénero, sexualidade, o seu lugar de nacemento ou a cor da súa pel.




 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG