O candidato do BNG á presidencia da Xunta, Francisco Jorquera, emprazou este sábado ao presidente da Xunta a que "deixe de facer eleitoralismo en América con viaxes pagas con cartos públicos" e a que "asuma a súa responsabilidade, dando a cara e explicando como lle vai afectar á sociedade galega o Recortazo imposto polo Goberno Rajoy".
Nun encontro cos meios en Arteixo, celebrado antes de o candidato repartir material informativo do Día da Patria Galega 2012, Jorquera afirmou que o pobo galego "agarda aínda por explicacións" da Xunta de Galiza. O candidato do BNG estivo acompañado pola responsábel comarcal da formación nacionalista, Silvia Seixas; e pola viceportavoz do grupo parlamentar, Ana Luisa Bouza.
"Acabamos de viver un feito vergoñento", salientou Jorquera, "coa atitude da Xunta de Galiza no Consello de Política Fiscal e Financeira celebrado o pasado xoves". Mentres Castela e León e Estremadura, tamén gobernadas polo PP, mantiveron unha posición "digna" ao non votar a favor dos recortes de Rajoy, Galiza, en cambio, si que deu a luz verde a medidas tremendamente lesivas para os intereses da inmensa maioría da sociedade galega.
"Feijóo, en vez de dar explicacións, en vez de dar a cara, optou por fuxir e por embarcarse nunha viaxe de claros tintes preeleitorais, pagada con fondos públicos", denunciou Jorquera.
Brutal agresión á inmensa maioría da sociedade
O candidato do BNG avaliou tamén o contido concreto das medidas adoptadas onte polo Consello de Ministros.
"Constitúen unha brutal agresión á inmensa maioría da sociedade e un durísimo golpe para a economía", analisou. Traerá como consecuencia "que pasaremos da Recesión a unha Grande Depresión", remarcou Jorquera, porque "vai levar aparellada a depresión do consumo e sen consumo non é posíbel saírmos da crise".
IVE: salvaxe incremento de 13 pontos en moitos artigos e servizos
Jorquera detívose especialmente na brutal suba do IVE: "É moito máis dura do que anunciou Rajoy na súa comparecencia no Congreso", reprobou, "até o ponto de moitos artigos e servizos pasar de suportar un tipo do 8 por cento a un tipo do 21". "Isto supón un salvaxe incremento de 13 pontos", denunciou o líder nacionalista, quen vaticinou que o impacto no consumo será enorme con consecuencias devastadoras para as contas de resultados dos autónomos, dos pequenos comerciantes e da pequena e mediana empresa.
Salientou que o tipo xeral do IVE -fica agora no 21- sitúase 2 pontos por enriba do tipo xeral en Alemaña e Holanda e xa apenas 2 pontos por debaixo do que rexe en Grecia, Portugal e Irlanda, os tres Estados formalmente intervidos pola UE.
"Isto demostra que na práctica o Estado español está tamén intervido, e xa vimos os efeitos que estas políticas produciron nos Estados intervidos. Só cómpre ollar para como está Grecia, por pórmos un exemplo, cun paro gallopante e unha economía en franca depresión", alegou.
Concluíu o líder nacionalista que a política económica do PP consiste en submeter as condicións de vida das clases medias e traballadoras a unha "auténtica devaluación", mentres se reserva unha "xenerosa amnistía fiscal" para as rendas altas, os ricos, a banca e as grandes corporacións industriais.