Dereito de Galiza a decidir, un sistema fiscal xusto e un plan de choque para xerar emprego

Ana Pontón presentou hoxe 40 propostas de resolución e avanzou que o BNG rexistrará 100 máis como “protesta” ante a restrición imposta polo Partido popular

Ana Pontón

 Debate de Política Xeral. A viceportavoz do BNG, Ana Pontón presentou hoxe as 40 propostas de resolución avanzando a intención de rexistrar 100 máis como protesta pola redución imposta polo Partido popular, “Galiza ten moitos problemas e resulta ilóxico restrinxir o debate e o número de propostas”.

A parlamentaria agradeceu a participación de persoas e entidades que achegaron alternativas e propostas para loitar contra as consecuencias da crise, “estarán presentes no debate”, afirmou, e agardamos que o Partido popular sexa receptivo.

Pontón insistiu que a “dependencia política” imposibilita que “Galiza exerza o dereito a decidir o seu futuro” polo que é preciso poñer en marcha un modelo económico baseado “nunha economía sustentábel priorizando a defensa do emprego, os servizos públicos e o dereito dos galegos e galegas a vivir con dignidade”.

Cremos que a política actual conduce a Galiza ao “desastre económico e cultural” e onte mesmo comprobamos como Feijóo “vive nunha dimensión paralela e nunha película mala de ciencia ficción”.

Lamentamos que o presidente esqueza os problemas e as persoas no Debate de Política Xeral e sobre todo a falta de medidas para resolver a situación. Neste sentido, reclamou “un cambio de rumbo” como o recollido nas propostas de resolución do BNG.

Aumentar a democracia e abrir o Parlamento á cidadanía

Entre as propostas presentadas, destacou o dereito do pobo galego a decidir “o noso futuro”. Os problemas de Galiza non é o que fan bascos ou cataláns, o noso problema, recalcou é “o centralismo que nos marxina e nos afoga” e que conta coa colaboración dun presidente da Xunta “inútil” que nos condena a “irrelevancia política.

Rolda de prensa  de ANA ponto

No BNG acreditamos nas reformas democráticas e imos propoñer regular, nos próximos seis meses o regulamento da Cámara para axilizar os debates e reforzar a súa función de control “penalizando ao Goberno cando non responda ou oculte información”. Asemade defendemos crear unha comisión na que a cidadanía traslade as súas propostas “abrindo á tribuna” a todas as persoas que queiran participar.

Lei de consultas populares e Reforma electoral

Pontón censurou a intención do Partido popular de cambiar a lei electoral para recortar o Parlamento, ao seu xuízo, a reforma debe garantir que o voto de todos os galegos teñan o mesmo peso.Propoñemos dixo, abaratar os custes das campañas eliminando os envíos electorais para reducir en 2 millóns eses gastos.

Loitar pola democracia, engadiu, tamén é loitar contra a corrupción e nas propostas do BNG figura reabrir a comisión parlamentaria, eliminar as portas xiratorias, que o Consello de Contas fiscalice as incompatibilidades e transparencia nas declaracións de ben dos altos cargos e deputad@s. Queremos que se fagan públicos os convenios e contratos da Xunta para erradicar “a opacidade”.DSC_0071

Modelo de financiamento que discrimina a Galiza

A deputada lembrou que o actual modelo de financiamento prexudica a Galiza perdendo máis de 6.000 millóns de euros nos últimos anos polo que defendeu a “plena territorialización do Imposto de Sociedades, que as empresas tributen en Galiza e se elimine a suba do céntimo sanitario no combustíbel”.

Traballo digno e recuperación económica

Un Plan de emprego real e con dotación, que pasaría, explicou, por reclamar ao Goberno central os 300 millóns de euros que vai aforrar co remate das prestacións dos desempregad@s de longa duración.A mocidade e mulleres deben ser a prioridade do Plan de emprego, enfatizou.

Impulsar o sector naval, o agro e a pesca tamén son obxecto das propostas do BNG ao igual que a creación dunha banca pública galega como ferramenta fundamental para a recuperación económica.

A vista da nova documentación, o BNG tamén pedirá que se reactive a comisión de investigación das Caixas.

Unha tarifa eléctrica que rebaixe o prezo da luz porque, dixo, “legalmente é posíbel”.

Servizos públicos

Repoñer o persoal médico e profesorado “suprimido no período de crise” e garantir a lei da dependencia son eixos nos que o BNG incidirá no debate das propostas de resolución, “hai que poñer en marcha un plan contra a pobreza e os desafiuzamentos”. Sobre esta cuestión, avanzou que pedirá abrir unha “liña de axudas” para aquelas persoas que na actualidade non poden facer fronte o pago de hipotecas e alugueres.DSC_0075

Lingua galega

No decimo aniversario do Plan de Normalización Lingüística constamos o seu “flagrante incumprimento” polo que imos reclamar que se aplique así como a posta en marcha de medidas de apoio aos nosos creadores e creadoras.

Autoestradas libres de peaxe e tren moderno

Finalmente, a deputada volveu esixir a modernización do ferrocarril galego cun servizo que vertebre Galiza como están a facer todos os países avanzados, “pedimos poñer en marcha unha compañía galega”.

Sobre infraestruturas, o BNG pedirá paralizar a súa privatización por resultar “un modelo fracasado”. Non ten que haber cartos públicos para as concesionarias e as persoas usuarias da AP-9 non poden asumir “esa fraude”. A parlamentaria anunciou que entre as propostas do BNG figura converter esa autoestrada en “libre de peaxe e pública.”

Descargas:

Propostas de resolución presentadas polo BNG.

 

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG