O candidato do BNG á presidencia da Xunta de Galiza, Francisco Jorquera, lembra -ante a denuncia da Fiscalía presentada contra directivos de Novacaixagalicia- que o PP reformou a Lei de Caixas, co apoio do PSOE, para garantir a continuidade dos máximos órgaos de dirección no seu cargo (toda a asemblea xeral e todo o consello de administración).
O PP consentiu que os máximos directivos das caixas continuasen nos seus cargos despois da fusión, por un prazo de 3 anos. Para iso reformou a Lei de Caixas, lembra Jorquera. Isto supuxo un aval a persoas que agora sabemos, sempre de acordo coa Fiscalía, que supostamente cometeron actos fraudulentos e ilegais que afectaron o patrimonio das caixas.
Sobre a demisión de Mauro Varela: era o mínimo que podía facer despois de lle faltar o respecto ás e aos afectados polas preferentes
Para o líder nacionalista, está ben que a Fiscalía investigue e depure eventualmente as responsabilidades que caiba estabelecer no ámbito xudicial, mais identicamente importante é que se diriman tamén as responsabilidades políticas.
Nese sentido, aseverou que é máis importante que nunca que se constitúa a Comisión de Investigación no Parlamento galego que o BNG vén demandando desde hai meses.
Nela quen debe comparecer en primeiro lugar é o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, pola súa obvia responsabilidade na non tutela das caixas de aforro, na súa bancarización e na permanencia de directivos nos seus cargos máis alá do que inicialmente estaba previsto na lexislación, conclúe Jorquera.
Sobre a demisión de Mauro Varela
O candidato nacionalista avaliou tamén a demisión de Mauro Varela.
É unha noticia da que nos congratulamos. Penso que era o mínimo que podía facer despois de terlle faltado ao respecto ás e aos afectados pola estafa das preferentes, dixo Jorquera, quen agarda que de todos os xeitos o señor Varela teña que comparecer perante a Comisión de Investigación que se constitúa no Parlamento.