A delegación de eurodiputados que hoxe visitou o Pazo de Meirás defende que o Parlamento Europeo respalde o informe xurídico que avala a devolución do Pazo. Así o consideran os integrantes do grupo de traballo de Memoria Histórica do Parlamento Europeo – Ana Miranda (BNG), Miguel Urbán (Podemos), Izaskun Bilbao (PNV), Jordi Solé (Esquerra) e Jill Evans (Plaid Cymru, de Gales)- que visitaron hoxe o pazo de Meirás para esixir a súa devolución.
“Queremos facer noso este informe e trasladalo ao Parlamento Europeo, co obxecto de transversalizalo”, destacou Ana Miranda durante a súa intervención na recepción que tivo lugar na Deputación de A Coruña, na que participaron o Presidente e a Vicepresidenta da Deputación, -Valentín Formoso e Goretti San Martín, respectivamente-, representantes dos grupos políticos, da Universidade e de diferentes asociacións da cidade.
Miranda avanzou a posibilidade de presentar en Bruxelas o informe xurídico, que considera que a venta do pazo ao ditador sería nula e non prescribiría, polo que o seu paso ao patrimonio público sería unha consecuencia lóxica a través de Patrimonio do Estado. Así, o informe conta como o pazo foi usado por Franco en calidade de xefe do Estado, e nel se celebraron sucesivos consellos de ministros.
A eurodeputada Jill Evans manifestou a súa sorpresa pola existencia desta situación a respecto pazo de Meirás e comparte as reivindicacións que fai o grupo de Memoria Histórica. “Súmome á proposta de Ana Miranda para abrir as portas do Parlamento Europeo para presentar alí o informe xurídico”, salientou Miguel Urbán neste mesmo sentido, quen defendeu que o franquismo “sexa xulgado no noso país e non só en Arxentina”.
Izaskun Bilbao, pola súa banda, considerou que a recuperación da memoria histórica é “unha asignatura pendente”, polo que desde o grupo de Memoria Histórica se reclama o cumprimento dos estándares europeos, “esixencia que debe ser trasladada ao Estado español”.
Jordi Solé agradeceu o traballo desenvolvido pola Deputación de A Coruña e as asociacións pola Memoria Histórica para acadar a devolución do pazo de Meirás. “Os países que traballan a memoria histórica nos valores da democracia son países que non teñen medo a afrontar o seu pasado aínda que sexa escuro, pero este non é o caso do Estado español, polo que seguiremos denunciando os casos de impunidade”.
En representación da eurodiputada Clara Aguilera, José Blanco agradeceu o traballo realizado tanto pola Comisión pro Devolución do Pazo da Deputación como polo grupo de traballo de Memoria Histórica do Parlamento Europeo.
Denunciar a impunidade do franquismo
Esta visita inclúese no conxunto de propostas que desenvolve o Grupo de Memoria Histórica do Parlamento Europeo e mediante o cal presentaron diversas iniciativas e visitas relacionadas coa impunidade do franquismo. O seu obxectivo radica en dar a coñecer e denunciar internacionalmente a situación de impunidade da que goza o franquismo en España. Neste contexto produciuse a visita internacional que eurodiputados de diferentes grupos políticos realizaron ao val de Cuelgamuros e ao cemiterio de San Lorenzo de El Escorial o pasado mes de marzo.