O BNG considera que a decisión da Real Academia Galega (RAG) de adicar o Días das Letras Galegas de 2015 a Xosé Filgueira Valverde é consecuencia da inxerencia política do PP e do propio Executivo da Xunta, polo que interpelará ao Goberno en sede Parlamentaria para que explique se ten previsto respectar a independencia de institucións como a RAG.
A escolla de Valverde é unha aposta política non entendible sen interferencias do poder político que pretende parasitar institucións como a RAG, denuncia a portavoz parlamentaria de Cultura, Ana Pontón. Semella que a Xunta e o PP teñen colonizado e pervertido parte desta institución, argumenta, tras salientar o feito de que o primeiro anuncio da nova foi transmitido polas redes sociais polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.
Imaxinamos que as dotes adiviñatorias non forman parte das cualidades deste alto cargo da Xunta, ironiza a deputada.
O BNG salienta o importante debate aberto na sociedade galega por mor do perfil escollido. O pasado franquista ou o entusiasta apoio político ás teorías do bilingüismo harmónico fraguiano son algúns dos motivos expostos por intelectuais, escritores ou asociacións en defensa da lingua e da cultura galega para rexeitar esta decisión.
O Bloque comparte estas críticas e manifesta a súa preocupación pola deriva dunha institución centenaria que se afasta do sentir dos galegos e galegas comprometidos co idioma propio e que se afasta, igualmente, do seu papel de impulsor do uso do galego.