A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, afirmou após da xunta mantida co Presidente do BCE, Mario Draghi, que veu a bendecir as políticas do Goberno Rajoy con total secretismo e a porta pechada porque é unha vergoña.
Davila cualificou a intervención de Draghi de inaceitábel, vergoñenta e inadmisíbel. Por riba, tanto secretismo, e tanto oscurantismo cando non dixo nada novidoso, nada que nos sorprendera vindo dun órgao como o BCE que está amparando os intereses da banca privada en lugar de actuar como un auténtico prestamista dos Estados en dificuldades.
A portavoz do BNG denunciou que en ningún momento falou do papel do BCE, nen dun cambio no Banco Central Europeo. Veu a impartir as bendicións a Rajoy, a darlle palmadiñas no lombo por todas as políticas de recortes e veu a suxerir aínda máis.
Queren que traballemos máis por menos
Davila puxo de manifesto que Draghi repetiu até en tres ocasións a necesidade de combinar máis productividade con moderación salarial. Traballar máis por menos salarios, producir máis cobrando moito menos. É dicer, voltar a masas salariais propias das décadas dos anos 60 ou 70. Veu aquí a peder un sistema de relacións laborais doutras épocas pasadas, presidido por un abaratamento total da forza de traballo.
Para a parlamentar nacionalista foi unha intervención previsíbel porque son as políticas que está ordenando a UE. Salientou o feito de que o Presidente do BCE dixera que no Estado español houbo un exceso de crédito das entidades financeiras, entón temos que concluir que é o Estado español o que debería estar desafiuzando aos bancos, e non os bancos á xente.
Davila concluiu que para o BNG é verdadeiramente preocupante que se veñan a ditar políticas deste estilo e incluso se propoña ir máis alá. Esta é unha cadea que hai que rachar non podemos permitir que queiran facer de nós auténticos escravos ao servizo dos grandes poderes financeiros.