Davila solicita a comparecencia de Guindos para ampliar o prazo da arbitraxe aos preferentistas

A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, solicitou hoxe unha Deputación Permanente da Cámara para que se debate e se vote a comparecencia urxente do Ministro de Economía e Competitividade, Luis de Guindos.

O prazo remata xa o 12 de xullo

Ante a inminente finalización do prazo do 12 de xullo fixado para o procedemento de arbitraxe para as miles de persoas afectadas polas participacións preferentes e subordinadas e a necesidade de amplialo debido á escasa marxe temporal ofrecido que vai impedir que máis da metade dos estafados e estafadas poidan recorrer a esta vía.

Davila quer que o titular de Economía compareza canto antes nunha sesión estraordinaria para demandarlle a ampliación do prazo “récord que se estableceu para os procedementos de arbitraxe e que está claro que son escasos, insuficientes e se non se amplían deixarán fóra a máis do 50% dos afectados”.

“Unha inxustiza non pode ser resolta con outra inxustiza”

Esta solicitude urxente do BNG será debatida e votada na sesión da Deputación Permanente do vindeiro xoves ás 16 horas, sesión na que tamén se debatirá a solicitude das nacionalistas galegas para que compareza Soria pola grave situación do Tax Lease.

Davila lembra que no caso das preferentes “é inxusto este xeito de proceder porque estamos ante roubo, unha grande estafa da banca, e o Goberno ten a obriga de atender adecuadamente aos afectados e afectadas”. Pón de manifesto que das 80.000 persoas afectadas na Galiza, e só 36.000 puideron acceder ao procedemento de arbitraxe, unha cifra que está por debaixo do 50%.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG