Davila solicita a comparecencia de Cañete polo acordo sobre descartes e os efectos na pesca galega

A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, solicitou esta mañá a comparecencia na Cámara do Ministro de Agricultura, Miguel Arias Cañete, para que acuda á sede parlamentar a informar da posición do Goberno español no acordo acadado polo Consello de Ministros de Pesca da UE sobre a política de descartes pesqueiros.

Davila quer que o responsábel da Pesca do Executivo español explique as consecuencias deste acordo sobre o sector pesqueiro do Estado, en concreto o galego, e para que informe dos efectos sobre as cotas asignadas.

A deputada do BNG pón de manifesto as críticas realizadas polo sector pesqueiro galego porque se trata dun acordo insuficiente. Ademáis, sublíñase o feito de que non se teñan logrado as denominadas cotas “by catch” (capturas accesorias) que posibiliten non ter que descontar as especies das que Galiza non ten tope daquelas que si ten e que son moi significativas.

Olaia Fernández Davila afirma que o Ministro de Agricultura “acostuma a ser moi eufórico após de negociacións europeas, pero a realidade é outra, especialmente a que atinxe á frota pesqueira galega”. Davila considera que Cañete debe comparecer no Congreso e dar conta “das bondades do acordo sobre os descartes para a nosa pesca, porque ten moitos claroscuros”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG