Davila reprocha a Soria que non denunciaran a outros estados da UE polo Tax Lease

A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, reprochou ao Ministro de Industria, que comparecía esta tarde no Congreso, que “non denunciaran a outros estados da UE con sistemas de bonificación fiscais como Holanda, Franza e Alemaña”.

Lembrou Davila que o BNG pedira a comparecencia do Ministro de Industria pero tamén a do titular de Economía e de Facenda. “Entendemos que a situación actual do sector naval obriga ao Goberno a actuar de maneira urxente para tratar de revitalizar ao naval e evitar o estado de inactividade e de paro destes momentos”.

A deputada do BNG ironizou coa afirmación do Ministro quen dixo que a UE ten por obxectivo prioritario a reindustrialización. “Preguntámonos de que zona?”, interpeloulle Davila a Soria, porque “atendendo á secuencia dos feitos, o papel da UE é claramente o de obstruccionista da industria do estado español, en concreto a galega”.

Para a parlamentar nacionalista, “desde o ano 2011, mentras os estaleiros do estado español non puideron acceder á contratación de buques, outros estados da UE si o puideron facer. E aludo a Holanda que non só duplicou contratos como vosté dixo, senón que os triplicou, e o caso de Alemaña que os duplicou”. “A UE obstrúe o progreso do sector naval”.

“Por qué non denunciaron a Holanda, Franza e Alemaña?”

Olaia Fernández Davila reprochou á UE que “agora estean preocupados porque moitos contratos van para Asia, unha preocupación que nace porque existe unha denuncia sobre outros sistemas de bonificación fiscal como o holandés e o alemán. A inseguridade xurídica é a que está a levar os contratos a Asia. Como agora xa é un problema europeo é cando se preocupan”.

Criticou ao Goberno español por non ter denunciado os sistemas de bonificación fiscal doutros estados como Holanda, Franza e Alemaña. “Por que até agora non se denunciou a outros estados? Algo que o BNG reclamou durante meses”.

Asegurar o financiamento ao sector naval

Davila dixo a Soria que “Facenda ten que resolver como vai facer coa decisión da UE sobre o anterior Tax Lease. Hai que artellar medidas canto antes para garantir o financiamento ao sector naval para que poida ser competitivo, e que non teñan que pagar xuros ao 12 ou 14% de interese, e poidan acceder a xuros ao 4% como sucede noutros estados como o alemán”.

A deputada do BNG formulou unha serie de cuestións ao Ministro sobre o novo Tax Lease: “Existe seguridade xurídica co novo Tax Lease? En que situación de seguridade xurídica están os estaleiros para empezar a acceder a contratos?. Que medidas vai adoptar para asegurar o financiamento?”.

E instou ao Ministro a “aprobar axudas que permite a UE como as referidas ao I+D+I e que o estado español nunca puxo en marcha”. Rematou criticando ao Goberno “pola súa pasividade e por ter reaccionado moi tarde”.

RESPOSTA DO MINISTRO DE INDUSTRIA AO BNG

Na súa resposta, o Ministro afirmou que o novo Tax Lease “é un marco aceitado por parte da UE”. Negou que o Goberno “actuase con pasividade” e considerou que “estivemos moi activos”. Concordou coa deputada do BNG no feito de que o obxectivo de reindustrialización da UE está cheo de contradiccións. E rematou asegurando que “pensamos que o recurso o imos gañar”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG