A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, demandou ao Goberno de Rajoy unha reacción urxente, a paralización total e absoluta dos desafiuzamentos porque non pode haber máis mortes.
A deputada do BNG lamentou a perda doutra vida humana pola avaricia e a crueldade inhumana da banca que nunca parece satisfeita, en relación ao home de 50 anos que hoxe se suicidou cando ía ser desafiuzado na cidade de Córdoba. Unha banca hipócrita que a semana pasada anunciou que ía parar os desaloxos.
Un Goberno cobarde que prioriza os intereses da banca
Davila enfatizou que non son concebíbeis máis mortes por este drama social, é urxente que o Goberno reaccione e se deixe de medias tintas, debe adoptar medidas contundentes e firmes e non Decretos vergoñentos como o de onte. Ten que parar xa todos os desafiuzamentos porque estamos xa nunha situación de alarma moi preocupante.
Neste sentido, a deputada do BNG reprochou a Rajoy a súa cobardía porque sigue atendendo con prioridade os requerimentos da banca, de aí o limitadísimo Decreto de onte que non contempla nen a dación en pago, nen ten carácter retroactivo, nen paraliza os desafiuzamentos, e a moratoria de dous anos está chea de condicións e requerimentos. Non reforma a Lei Hipotecaria que é como empezar a casa polo teito. O Goberno tiña que abordar canto antes a reforma da lei hipotecaria e non pode deixar fóra a todos os miles de casos que estamos a ver cada día.