A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, exixiu no Pleno da Cámara ao Presidente do Goberno español, Mariano Rajoy, que compareza de maneira urxente nun pleno monográfico para dar explicacións da situación de extrema desvergoña protagonizada por membros do seu partido e de como se puideron beneficiar das amnistías fiscais aprobadas por vostedes.
Señor Rajoy, a estas alturas as desculpas xa non sirven, a cidadanía require firmeza e solucións ao grave problema da corrupción que fundamentalmente radica no seu partido político, no PP. Membros do seu partido son os que están avergoñando a noble función da política. Compareza cunha actitude firme e con solucións, enfatizou.
Mariano Rajoy comparecía esta mañá no Congreso para informar do último Consello Europeo de Bruxelas celebrado o pasado 24 de outubro, mais foi imposíbel non aludir aos escándalos de corrupción do PP que impregnan a actualidade imediata, como fixo a deputada do BNG.
O último Consello Europeo
En relación ao Consello Europeo pasado, Davila definiuno como case irrelevante. Así en materia de clima e de enerxía criticou que se marquen grandes obxectivos pero fiquen en pura literatura e escaso compromiso.
Nese sentido, aproveitou para reprochar ao Goberno a súa política enerxética, nada ecolóxica e que só perseguiu o apagón eólico e solar. A presión dos lobbies é moi forte, sobre todo no tema enerxético, e consideramos que mentras a enerxía permaneza en máns privadas, o obxectivo de eficiencia enerxética e de redución de gases non se poderá cumprir.
Davila afirmou con rotundidade que para reducir a contaminación e combater a probeza enerxética, que por certo debería estar prohibida, o sector debería ser nacionalizado. No que atinxe á economía, pouco tempo adicaron a esta cuestión, aínda que supoñemos que o suficiente como para constatar que a cousa en Europa está tan mal que se fai necesario un diagnóstico previo de cada un dos estados. O único concreto que sacaron é a movilización de 300.000 millóns como fórmula para saír da crise, pero como sempre nin arranxaron o como nin cando.
No relativo á banca, e máis alá da afirmación do Gobernador do Banco de España de que o sector aproba con folgura, o tema é se van pontenciar medidas para que exista crédito para as pemes e se impulse o emprego? Que medidas vai adoptar Señor Presidente?.
En canto ao ébola, Davila ironizou con que a UE por fin se decatou da necesidade de combatelo onde está o foco do problema, incrementando a cifra da aportación económica a 1.000 millóns. Pero onde está o compromiso do Goberno español na loita contra o ébola en África Occidental porque até agora só aportaron ridículas asignacións económicas?.
Recriminou a doble vara de medir da UE en política internacional, mencionando o caso concreto de Ucrania. Mentras en Ucrania, seguindo instrucións de EE.UU, decídense sancións económicas contra a Rusia que provocará negativas consecuencias na economía da UE, no caso de Oriente Medio, limítanse a unha tímida crítica ao estado de Israel cando volta a invadir territorios de Palestina mediante o estabelecemento de novos asentamentos. Isto non é máis que cinismo político e cumpricidade do invasor.