Davila pregunta ao Goberno se o Xefe do Estado tributa pola conta que ten en Suiza

A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, rexistrou onte pola tarde unha iniciativa parlamentar na Cámara, para saber se o Xefe do Estado está a tributar polo seu patrimonio económico depositado nunha conta en Suiza.

A portavoz do BNG pregunta ao Executivo cais son as consideracións do Goberno sobre o feito de que o Rei Juan Carlos posea unha conta bancaria en Ginebra con 375 millóns das antigas pesetas recibido en herdanza do seu pai.

Davila alude ás informacións que se publicaron na prensa que indican que o pai do Xefe do Estado, don Juan de Borbón, “cando faleceu no ano 1993 deixou unha fortuna de 1.100 millóns das antigas pesetas depositados en contas no estranxeiro. “Un patrimonio económico que repartiu entre os seus fillos, entre eles o Xefe do Estado”.

A deputada do BNG recolle o publicado que sinala que a cantidade económica ficou depositada en dúas contas domiciliadas en Suiza: unha en Ginebra e dúas en Lausanne. “O rei Juan Carlos depositaría os 375 millóns recibidos en herdanza no banco Sogenal de Ginebra en outubro de 1993”.

A Xefatura do Estado debe estar na Lei de Transparencia

“Sen entrar en aspeitos relacionados coa conformación deste importante patrimonio económico, o que si chama a atención é que o Xefe do Estado español teña unha conta nun país estranxeiro en lugar de depositar o seu carto nun banco domiciliado no Estado do que é representante”, afirma a parlamentar nacionalista.

Davila pón de manifesto que “estamos no momento do debate sobre a transparencia dos cargos políticos públicos como os parlamentares, alcaldes, Presidentes autonómicos, membros do Goberno e outros representantes do pobo. E non hai que esquecer que o Executivo está a falar cos grupos sobre a denominada Lei da Transparencia”.

Unha lei, apostilla, que “desde o punto de vista do BNG debería incluir tamén a institución da Xefatura do Estado xa que é un representante público que se debe rexir polos mesmos criterios que os demáis”.

Así a deputada do BNG realiza ao Goberno unha serie de cuestións: “Nalgún momento investigou a Axencia Tributaria a existencia desta conta? Tributa a Xefatura do Estado por este patrimonio económico? Vai o Goberno a incluir a institución da Xefatura do Estado na Lei da Transparencia?”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG