Davila pide a reprobación de Tony Cantó no Congreso porque "non pode ser membro de Igualdade"

A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, sumouse esta tarde ás solicitudes de reprobación do deputado de UPyD, Tony Cantó, polas súas manifestacións de ataque á Lei de Violencia de Xénero e ás mulleres vítimas de maos tratos.

A Comisión de Igualdade debatía esta tarde como primeiro punto da súa orde a reprobación do deputado de UPYD e membro da Comisión de Igualdade, Tony Cantó, polos ataques realizados á Lei de Violencia de Xénero através das redes sociais.

A deputada do BNG deixou claro que o BNG respecta a liberdade de expresión pero “non podemos permitir a utilización por parte dun membro desta Comisión de argumentos difamatorios e falsos que descalifican a Lei de Violencia de Xénero”.

Unha Lei, puntualizou, que “custou moito traballo desenvolver, que levou moito esforzo, e que da que comprobamos os seus efectos positivos e beneficiosos”.

“Inadmisíbel que sexa membro desta Comisión”

Davila sinalou que “desde o BNG nos sumamos ás propostas de reprobación do deputado de UPyD porque entendemos que o feito de ser un membro de esta Comisión engade gravedade ás súas manifestacións”.

A parlamentar nacionalista explicou que desde o seu inicio, “esta Comisión estivo especialmente comprometida na loita contra a violencia de xénero. Resulta verdadeiramente preocupante que un membro desta Comisión poña en entredito unha cuestión tan seria e tan tratada aquí”.

Davila criticou as palabras de Tony Cantó porque “só é posíbel utilizar ese tipo de argumentos cando están realmente na ideoloxía desa persoa e interpreta que as cousas son así”. Neste sentido, a deputada do BNG puxo de manifesto a dura realidade que viven moitas mulleres vítimas dos maos tratos, unhas chegan a perder a vida e outras “están mortas en vida debido a que non poden vivir polos maos tratos”.

A parlamentar do BNG rematou sinalando que “non podemos ser tolerantes con afirmacións como as realizadas polo deputado de UPyD porque son dunha gravedade tremenda”. Engadiu que UPyD “pode facer o que queira porque está claro que isto forma parte duns principios ideolóxicos da organización que representan”.

“Esta Comisión non pode tolerar aseveracións como as realizadas polo deputado Tony Cantó, é inadmisíbel que sexa membro desta Comisión por atacar e descalificar a Lei de Violencia de Xénero e utilizar dados falsos”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG