A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, díxolle hoxe a Rajoy no pleno que o BNG considera que a súa demisión non é suficiente. Debe disolver as Cortes e convocar eleccións anticipadas. De paso, disolva o seu partido e rexenéreo.
As primeiras palabras da portavoz do BNG foron para as vítimas do terríbel sinistro ferroviario ocurrido en Angrois. Expresamos a solidariedade do BNG coas súas familias, quedarán para sempre na nosa memoria, sobre todos dos galegos e galegas.
O bochorno é o seu e o do seu partido
Lembrou a Raoy que comparece hoxe en calidade de Presidente do Goberno pero tamén é presidente da súa formación política. Un partido en cuestión polo financiamento ilegal do seu partido. Reprochou ao Presidente do Goberno que estivese á defensiva, sen argumentos críbeis, negando a maior como nun auto de fe e plagado de ameazas, xogando á tan manida imaxe de España cando o bochorno é o seu e o do seu partido.
Acusou a Rajoy de non dar resposta aos principais interrogantes como se o seu partido se financia ilegalmente. Preguntoulle se os centos de millóns que aparecen como donacións de grandes empresas ao PP, recoñecidas abertamente por algunhas de elas, son agradecementos a cambio de contratacións por parte das administracións públicas?.
A portavoz do BNG aludiu en concreto a unha das empresas que aparecen nos papeis de Bárcenas, ACS-Dragados. Curiosa coincidencia, dixo, porque na etapa de goberno de Aznar se lle adxudicou en marzo de 2004 a licitación do tramo no que se produciu o tráxico accidente de Angrois.
Minte e non ten lexitimidade para exixir más sacrificios á sociedade
Criticou que se limitara a negar e só recoñecer que cometeu o erro de confiar no seu ex tesoreiro, ademáis de xogar coa imaxe da marca España cando é vosté quen está en cuestión. Foi moi dura co Presidente do Goberno ao que lembrou as súas palabras negando calquer relación actual con Bárcenas desde que abandonou o PP. Máis a realidade é terca e resulta estivo na sede de Génova ate hai pouco, e vosté intercambiou sms con el até este mesmo ano.
Acusou a Rajoy de mintir, enganou a toda a sociedade. Censurou a súa actitude de hoxe porque atentou contra os mais elementais principios democráticos, e incluso fixo gala de que nen siquera tería que vir a unha moción de censura. Despreza a esta Cámara, onde reside a soberanía popular, e despreza a toda a sociedade. Fala de plans de rexeneración democrático, empece por vosté mesmo e polo seu partido.
Disolva o seu partido e rexenéreo
Aludiu tamén á situación do Tribunal Constitucional porque que confianza se pode ter nun Constitucional presidido por unha persoa afiliada ao PP e que fixo labores de asesoría para o seu partido? O mínimo que podería facer é dimitir.
Puxo de manifesto que vivimos unha grave crise económica pero tamén institucional e democrática.
Davila censurou a Rajoy xa que non ten lexitimidade para exixir máis austeridade e sacrificios á cidadanía. Rematou pedindo eleccións anticipadas e a disolución do PP: Como vosté dixo, estamos aquí para pedirlle responsabilidades políticas, e o BNG considera que a súa demisión non é suficiente, debe disolver as Cortes e convocar eleccións anticipadas. De paso, disolva o seu partido político e rexenéreo.