Davila pide a Guindos que NCG sexa un banco público e que se manteña a obra social

A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, trasladou ao Ministro de Economía “a preocupación do BNG e da sociedade galega pola situación de Novagalicia banco (NCG) e Novacaixagalicia”.

E lle demandou que se manteña como entidade independente porque “é posíbel”, ou que se convirta “nunha entidade pública dado que se trata dun banco nacionalizado”. A deputada do BNG instou ao Goberno a garantir a viabilidade independente de NCG banco ou, do contrario, “convírtana nunha entidade pública porque está nacionalizada”.

Davila pediulle a De Guindos que aclare se “NCG banco se vai pór a subasta antes de xullo do ano próximo como se dixo desde o Banco de España.” Nese sentido, lembrou que “non hai motivo para tanta urxencia xa que os plans da UE pola concesión do resgate financeiro establecían un plan a realizar en cinco anos ou como mínimo en dous anos”.

Resposta do Ministro: “Non hai nada preestabelecido. Faga caso do FROB que se vai quedar co 100%. Imos confiar na equipa de xestión e temos por diante un periodo de cinco anos”.

MANTER A OBRA SOCIAL DE NOVACAIXAGALICIA

En relación á ameaza que existe sobre a pervivencia da importante obra social de Novacaixagalicia, Davila puxo de manifesto a necesidade de que “esta obra social se manteña, especialmente tendo en conta os tempos que corren, cando o Goberno non garante os servizos sociais básicos. A obra social de Novacaixagalicia é moi necesaria. Non esqueza que ten orzamentados uns 181 millóns até o ano 2016”.

Emprazou ao Ministro de Economía a evitar que Novacaixagalicia sexa barrida do accionarado de NCG banco porque suporía a desaparición da obra social e dos millóns proxectados para o labor social. Nesa liña, é preciso pór de manifesto que a asistencia ás persoas maiores é a principal labora da obra social de Novacaixagalicia que ten 6 centros xerontolóxicos en Galiza con case mil prazas para persoas dependentes.

Resposta do Ministro: de maneira xenérica, De Guindos sinalou que a “obra social é competencia das CC.AA”. Máis deixou claro que non é partidario de manter na entidade bancaria a participación da obra social porque “non ten cometido bancario”. E defendeu a figura da “fundación bancaria, respeitando as competencias autonómicas”. Resumiu dicindo que “hai que buscar outras fórmulas”.

PREFERENTES E POSTOS DE TRABALLO

A portavoz do BNG criticou o explicado polo Ministro de Economía en relación á estafa das preferentes porque “hai moitos pequenos aforradores que deberían receber unha atención especial xa que se trata dos seus aforros” e considerou insuficiente a proposta de De Guindos quen afirmou una súa comparecencia que os titulares de participacións preferentes de Bankia, Catalunya Bank e Novagalicia Banco, recuperarán de media o 60% dos seus investimentos, o que suporía una quita de entre o 40 e o 50%. Mais deixou claro que o carto non se recuperará de xeito imediato nen ao contado, e por riba, moitos afectados terán que canxealo por accións novas.

Ademáis, Davila puxo enriba da mesa a dramática situación laboral de NCG, onde haberá miles de despedimentos. Demandou ao Ministro que atenda a solicitude do comité de empresa e manteña unha xunta con eles. “Vai intervir na cuestión laboral?

Resposta do Ministro: sinalou que a reestructuración “forma parte do preoceso. E desde o 2010 a 2017 se ten que reducir a capacidade nun 65%”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG