A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, solicitou esta mañá a comparecencia urxente da Ministra de Emprego e Seguridade Social para que veña á Cámara a informar sobre a preocupante situación do paro no estado español.
Davila alude aos dados do paro rexistrado correspondentes ao mes de xaneiro que se coñeceron hoxe, e que indican unha nova suba no desemprego cifrada en 132.000 persoas máis. Para a deputada do BNG o Goberno non pode seguer de brazos cruzados e mirando cara outro lado mentras o drama do paro continúa incrementándose.
Un Goberno pasivo e ineficaz para parar o paro
A deputada do BNG censura a actitude pasiva, resignada e indiferente dun Goberno que se limitou a avisarnos de que o paro empioraría neste ano 2013, e non presentan actuacións para combatelo. Precisamente porque tiña unhas previsións tan negativas, tiña que ter posto en marcha mecanismos de loita contra o desemprego e non me vale que nos remitan á reforma laboral que é unha das culpábeis de que se continúen engrosando as listas de parados.
Olaia Fernández Davila demandou a Fátima Báñez que en lugar de recontar desempregados, e seguer falando das bondades da reforma laboral, se poña máns á obra e leven a un Consello de Ministro un Plan de Loita contra o Paro e de creación de Emprego. Poden facelo, teñen instrumentos.
A portavoz nacionalista pediu ao Goberno menos venres de dor, e máis venres de eficacia. Reclamou a retirada da reforma laboral máis que fracasada, inútil e responsábel de centos de ERE´s.