Davila pide explicacións ao Goberno por non declarar sistémica a NCG

A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, presentou unha pregunta por escrito na Cámara para pedirlle explicacións pola decisión de non considerar entidade sistémica a NCG.

Davila alude á resposta por escrita ofrecida por Almunia á comisión de investigación sobre a fusión das caixas galegas, na que sinala que “as autoridades españolas, incluíndo ao Ministerio de Economía e Competitividade, o Banco de España e o FROB estabeleceron cais das entidades baixo reestructuración e con necesidades adicionais de fondos públicos debían ser consideradas sistémicas”.

Por que NCG non e Bankia si?

É dicer, subliña a deputada do BNG, “parece evidente que a responsabilidade sobre a consideración de entidades sistémicas recaeu exclusivamente sobre o Goberno español”. Nese sentido, a parlamentar nacionalista lembra a intención do FROB de vender nos próximos meses NCG e Catalunya Banc.

“Ambas entidades sairán á venda nun breve periodo de tempo mentras que a outra entidade nacionalizada, Bankia, non seguirá o mesmo curso porque o Goberno a declarou sistémica. Una decisión que para o BNG foi arbitraria e carente de obxectividade posto que NCG é unha entidade sistémica para Galiza”.

Critica a deputada do BNG os criterios utilizados polo Goberno español para declarar sistémica ou non a unha entidade nacionalizada porque non “son nada claros, son opacos e parecen obedecer máis a intereses doutra índole. Á luz dos feitos é evidente que se actuou de maneira discriminatoria e baixo o prisma recentralizador nun ámbito no que tamén se está a defender o poder financeiro da capital do Estado”.

Actitude centralista e discriminatoria do Goberno do PP

Estas son as razóns polas que Davila formula ao Goberno unha batería de preguntas: “É verdade que a decisión de non considerar entidade sistémica a NCG foi adoptada en exclusiva polas autoridades do Estado español sen intervención da UE? De ser así, Por que motivo decidiu o Goberno español non declarar sistémica á NCG? Por que se declarou sistémica a Bankia? Acaso NCG non é unha entidade sistémica para Galiza?”.

A deputada do BNG pide ao Goberno que dea explicacións sobre os criterios estabelecidos para declarar sistémica ou non a unha entidade nacionalizada. “Seguen pautas obxectivas? Que requisitos hai que cumprir para ser declarada entidade sistémica?”.

Reprocha ao Goberno que teña unha actitude “discriminatoria por aplicar esta cualificación a unha entidade de implantación na capital do Estado mentras se rexeita para entidades que pertencen a outros territorios como Galiza e Catalunya”. “Por que se defende con tanto empeño a unha entidade nacida e estabelecida especialmente en Madrid, e por que tanta presa por vender unha entidade moi implantada na Galiza?”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG