Davila pide ao Goberno que se interese polos traballadores despedidos de Citroen

A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, presentou unha iniciativa parlamentar na Cámara Baixa para peder ao Goberno central que se interese polo grave problema laboral dos dous traballadores despedidos da factoría Citroën.

A deputada do BNG argumenta que PSA Peugeot-Citroën recibiu axudas públicas do Estado ao albur do Plan de Competitividade 2011, “e aínda que se trate dunha empresa privada, consideramos que unha grande factoría que percibe axudas públicas debe ser obxecto de interese por parte da Administración”.

Explica Davila que “ao BNG lle preocupa a situación pola que están a atravesar dous traballadores da empresa porque foron despedidos inxustamente. Foron despedimentos sen fundamento algún, e que levou aos afectados a iniciar o pasado 1 de xullo unha folga de fame como acto de protesta”.

Despedimentos que non teñen xustificación

Sinala a deputada nacionalista que a empresa alega que son despedimentos por incumprimento en materia de seguridade, “cando en ningún momento se detectaron efectos sobre os vehículos fabricados. Adoptouse unha medida drástica non comprobada, que carece de todo fundamento. Despedíronos rapidamente sen sancións previas nin avisos nin investigación algunha”.

Considera Davila que o Goberno central está lexitimado para peder explicacións porque se concederon importantes axudas públicas. Lembra neste sentido, que en 2011 a factoría viguesa recibiu máis de 35 millóns de euros para financiar os seus proxectos no estado. “Así, asignóuselle 18,09 millóns para un plan de movilidade eléctrica da planta de Vigo, 8,51 millóns para un programa de eficiencia enerxética tamén en Vigo”.

Por todas estas razóns, Davila dirixe unha batería de preguntas ao Goberno para sabe se coñece o grave problema laboral suscitado en Citroën Vigo polo dos despedimentos. “Realiza o Goberno algún tipo de control das axudas públicas concedidas a esta empresa automovilística? Estan suxeitas ao cumprimento de condicións laborais? Percibiu máis axudas públicas da Administración central a factoría viguesa?”.

Por último, Olaia Fernández Davila insta ao Executivo central a interesarse polos dous traballadores despedidos que están en folga de fame.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG