Davila pide ao Goberno que anule as sancións á emigración galega con pensións estranxeiras

A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, presentou unha proposición non de lei e unha iniciativa parlamentar na Cámara Baixa na que insta ao Goberno a anular os expedientes sancionadores que a Axencia Tributaria enviou a centos de emigrantes galegos e galegas beneficiarios de pensións no estranxeiro.

Ademáis, a deputada do BNG pide ao Ministerio de Facenda que informe debidamente aos afectados e procure alternativas que non pasen por sancións posto que se trata de pensionistas.

Á parlamentar do BNG chegoulle a queixa de centos de emigrantes galegos e galegas en idade de xubilación que son beneficiarios de pensións no estranxeiro, caso dos que traballaron en Alemaña, Suiza, Reino Unido, Franza e outros países. Explica que nos últimos meses, moitos deles están a receber requerimentos da AET para que acrediten as cantidades percibidas durante o ano 2008 en concepto de pensións no estranxeiro co obxecto de proceder á regularización da declaración complementar do IRPF dese exercicio anual.

Unha cuestión que depende dos Convenios do Estado español con cada pais

Davila pón de manifesto que os emigrantes descoñecían a obriga de declarar ditas pensións. De feito, o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza estálle a dar a razón aos que cobran pensións de Alemaña porque están exentas de tributación. Este tema depende dos Convenios suscritos polo Estado español con cada país. Nos demáis casos, “ignoraban por completo que debeían declaralas, e queda patente que en ningún momento tiveron intencionalidade de fraude. O que consideramos suficiente argumento para que se retiren as sancións que lles están chegando”. Ademáis, engade, non se lles expediu ningunha certificación por parte do pais pagador en relación ás cantidades a percibir.

A deputada nacionalista subliña que “Galiza padeceu e continúa a padecer unha emigración brutal, miles de galegos e galegas emigraron a países de América Latina a comezos do século XIX, a paises europeos nos anos 60, 70 e 80, e agora os nosos mozos e mozas continúan a coller a mala para buscar un medio de vida noutros países”.

Para Olaia Fernández Davila resulta sorprendente que “cinco anos máis tarde, reciban da Axencia Tributaria este tipo de requerimentos”. A deputada do BNG sinala que na actualidade se contabilizan máis de 400 persoas afectadas pero “estamos seguros que serán moitos máis”.

Desde o BNG, puntualiza, consideramos que o Goberno debería anular os expedientes sancionadores, informar debidamente aos pensionistas e permitir a regularización sen multas.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG