Davila a Montoro: "O Goberno ten que asumir responsabilidades, e a dimisión forma parte diso"

A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, pediu a Montoro claridade en relación a Bárcenas: “Beneficiouse ou non da amnistía fiscal porque o seu avogado di que si”.

O titular de Facenda comparecía esta mañá na Comisión correspondente do Congreso para dar conta dos resultados da amnistía fiscal aprobada polo PP. A deputada do BNG dixo a Montoro que “vosté está aquí hoxe por unha situación estraordinaria polo escándalo político do seu partido que se está seguindo en toda a sociedade con alarma. O telón de fondo, Señor Ministro, son as supostos prácticas corruptas do partido que substenta ao Goberno e a amnistía fiscal”.

Davila pediu ao Ministro de Facenda que “debe ser o máis claro posíbel para que a cidadanía o poida entender. E cando fala de que entre os fondos aflorados había fondos lícitos, ilícitos e outros baixo proceso xudicial, é necesario que aclare cantos foron lícitos, cantos ilícitos e cantos están suxeitos a procesos xudiciais, dadas as circunstancias existentes”.

Aclare: Bárcenas beneficiouse ou non? porque o seu avogado mantén que si

A parlamentar nacionalista demandou a Montoro aclaracións sobre se Bárcenas se beneficiou ou non da amnistía fiscal porque “o avogado do Señor Bárcenas di que si, que se acolleu á amnistía. E os inspectores de Facenda din que non teñen posibilidade de acceder aos dados dos suxeitos amnistiados, mentras que vosté di que si. Explique isto con claridade”.

“Dada a gravedade da situación, sinalou a deputada do BNG, o Goberno ten que facer unha investigación através de Facenda”. Ademáis reprochou a Montoro a aprobación no seu día da amnistía fiscal que desde logo “non está a dar os resultados que dixeron no seu día. A realidade demostra por que o BNG votou en contra desa lei”.

A portavoz do BNG no Congreso destacou que “os problemas do PP non son alleos a todo isto xa que é o partido que substenta ao Goberno. O Executivo ten que tomar medidas e asumir responsabilidadees, e a dimisión forma parte diso”.

Davila avisou a Montoro que de “non aclarar ben todos estes aspeitos, a cidadanía acabará pensando que vostés adaptan as leis para amparar a evasores fiscais e que lle toman o pelo aos cidadáns coas súas explicacións que non din nada. Vosté omite a verdade que é igual que mintir”.

 

http://youtu.be/Ue0ecKuCybk

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG