Davila logra o acordo unánime en Igualdade para aumentar as partidas para Violencia de Xénero

DSC_0667A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, logrou esta tarde o consenso unánime da Comisión de Igualdade do Congreso para instar ao Goberno a incrementar as partidas orzamentarias destinadas a desenvolver a Lei Orgánica de Medidas de Protección Integral Contra a Violencia de Xénero e loitar eficazmente contra estas lacra social.

O BNG consigue unanimidade para mellorar os recursos económicos

Olaia Fernández Davila levou esta tarde a debate á Comisión de Igualdade unha proposición non de lei cunha serie de medidas para combater as situacións de violencia de xénero, e en concreto, mellorar os recursos económicos a tal fin. En aras a lograr un acordo, Davila negociou un texto co grupo popular, ao que se sumaron todos os grupos da Cámara.

O acordo tamén empraza ao Executivo a contemplar en 2015 unha partida para o desenvolvemento de actuacións relacionadas coa loita contra a violencia de xénero no ámbito da Administración local. Noutro punto se pide consenso con todas as formacións políticas e co ámbito xudicial especializado, no caso de se realizar modificacións normativas na Lei Orgánica mencionada.

Asemade, ínstase ao Goberno a ter en conta as recomendacións e propostas contidas na Memoria da Fiscalía ou nos Informes do Consello Xeral do Poder Xudicial para mellorar a proteción ás mulleres, “poñendo en marcha medidas xa contempladas na lei como as Unidades de Valoración Forense Integral, ou a necesidade de abordar os problemas que plantexa o dereito de dispensa da Lei de Enxuizamento Criminal.

Hai que abordar as lagoas

Na súa intervención en defensa das propostas do BNG que posibilitaron este acordo, Davila lembrou que a pesar de que os balanzos son variábeis, o alto número de vítimas do pasado mes de agosto provocou unha grande alarma social.

Enfatizou os recortes orzamentarios producidos nos dous últimos anos nesta materia. E cando se cumpren des anos da aprobación da Lei Integral, “non dubidamos de que precise modificacións ou cambios, pero tamén é certo que moitos dos seus apartados non se desenvolveron debidamente pola falla de recursos. A súa aplicación é deficiente en moitos ámbitos, cuestión que debe ser subsanada nos vindeiros Orzamentos do Estado.

Tamén remarcou algunhas lagoas como a falla de coordenación entre as sedes xudiciais e a policía. “Hai denuncias que se presentan directamente nos xulgados, cuxa tramitación é descoñecida polas forzas e corpos de seguridade do estado”. Asemade, criticou que en moitos lugares non se implantaron as Unidades de Valoración Forense Integral previstas na lei, “precisamente a función destas Unidades é a de elevar a un xuiz un informe detallado sobre a situación de risco”.

Puxo de manifesto que “como din moitas expertas no tema, estamos ante unha boa lei pero faltan recursos económicos para que as medidas sexan efectivas. De aí a insistencia do BNG na necesidade de aumentar os orzamentos.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG