Davila:"O discurso de Rajoy foi exculpatorio, nada vai con el, nen o paro nen a corrupción"

A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, cualificou o discurso do Presidente do Goberno español, Mariano Rajoy, de “triunfalista, exculpatorio e negativo para os intereses das persoas”.

A deputada do BNG tamén subliñou que “en ningún momento se referiu Rajoy a Galiza a pesar de que acabamos de perder 1.300 millóns de euros dos fondos europeos”.

Todo a costa dos sacrificios das persoas

Para Davila “foi un discurso triunfalista porque se vanagloriou dos éxitos pero en ningún momento dixo como se lograron eses éxitos e foi a costa do sacrificio da poboación que sofre as políticas de recortes. Non dixo nada das vítimas dos recortes cando é a banca a que está a recabar os beneficios de tanto sacrificio”.

En relación á política laboral, Olaia Fernández Davila censurou a reforma laboral do PP que vai contra os traballadores, “é a costa dos traballadores que padecen a baixada de salarios, a precarización das condicións laborais e que levou a 6 millóns de parados”. Reprochou ao Presidente do Goberno que se vanagloriase “só da reducción do défice” e de que ofrecese medidas “ambigüas, inconcretas e que ademáis, ameazan á cidadanía con máis recortes”.

A corrupción: “Como se non fose con el”

No que atinxe á corrupción, a portavoz do BNG no Congreso foi moi crítica coa intervención de Rajoy: “O Señor Rajoy parece que pasaba por aí, que non vai con el nen a corrupción nen a mala situación pola que atravesan os cidadáns”. Neste sentido, puxo de manifesto que “o seu partido é o que está a dar a grande nota na corrupción. Non pode dicer que él está limpo, nen respostar á cidadanía sen facer a máis mínima autocrítica”.

Sobre ás medidas anunciadas por Rajoy fronte á corrupción, Davila considera que “non van resolver o problema do financiamento ilegal que o seu partido está a realizar”.

Na cuestión referente ao modelo de Estado, a deputada do BNG reprochou ao Presidente do Goberno que diga que a Constitución está aberta a ser reformada cando “do que fala é moi limitado”. Afirmou Davila que para o BNG “toda lei é susceitíbel de ser modificada, incluso a Carta Magna, e consideramos que se deben levar a cabo reformas partindo da realidade plurinacional do Estado e o recoñecemento da soberanía das nacións e dos pobos, nun momento no que a corrupción afecta á Coroa e ao Goberno”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG