A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, defendeu no Pleno a alternativa do BNG ao proxecto de lei do Goberno para mellorar a protección aos debedores hipotecarios, e o drama social dos desafiuzamentos.
O BNG presentou emenda á totalidade ao proxecto de lei do Goberno sobre debedores hipotecarios e defendeu as propostas do BNG: Criticou o proxecto por consideralo insuficiente e por non facer as modificacións lexislativas precisas. Mencionou as críticas da xudicatura a este proxecto por non resolver os problemas de fondo.
Puxo de manifesto que no ano 2012 se incrementaron nun 134% as execucións por desaloxo. Con estes antecedentes, seguen a crer que non se debe tocar a lexislación hipotecaria?. Saimos dun ano malo pero nos acabamos de meter nun que vai ser pior con case un millón máis de parados.
A deputada do BNG advertiu do empioramento dos casos de impagos hiptecarios debido á perda de poder adquisitivo debido ás brutais reducións salariais, con previsións de máis paro e máis crise económica por moito que o Goberno invente discursos optimistas. Pediu que non se esqueza que estamos aquí porque representamos aos cidadáns que nos deron o seu voto.
O Goberno non está á altura das necesidades sociais
Davila lembrou que os avanzos no tema dos desafiuzamentos se deben ao esforzo da cidadanía que se uniu para frear o que é unha auténtica barbarie. Foron os cidadáns e as plataformas anti desafiuzamentos os que fixeron posíbel que non se silenciara o drama de moitas familias, coas súas accións lograron o Stop de moitos desaloxos.
Con este proxecto a deputada do BNG considera que o Goberno non está á altura das circunstancias. Fronte a esa forza social, fronte á dignidade cidadán, só nos queda dicer que o Goberno non sabe estar á altura das necesidades da cidadanía. Fixeron un Real Decreto que é unha tomadura de pelo e non modifica a lei.
A parlamentar nacionalista explicou o texto alternativo do BNG a este proxecto de lei para evitar o drama : a entrega da vivenda como pago da débeda hipotecaria contraída, o que chamamos dación en pago. O aprazamento do pago mentras non se superen as dificuldades económicas. A conversión en contratos de aluguer.
Lembrou que actualmente a entrega da vivenda como pago da débeda hipotecaria non significa o seu resarcimento total, queda un saldo vivo a favor do banco que mantén a reclamación do pago pendente. O BNG pide unha reforma da lei procesal hipotecaria porque é a única maneira de abordar o problema en profundidade.
http://youtu.be/YNKblTuYiMg