A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, reuniuse hoxe cun grupo de científicos representantes do manifesto en defensa da ciencia e do I+D+I, Carta pola Ciencia, para escoitar as súas demandas e amosar o apoio do BNG pola difícil situación pola que están atravesando debido aos enormes recortes do PP, tamén no eido da ciencia e da innovación.
A portavoz do BNG reuniuse no Congreso con representantes do CIEMAT, do CSIC, da CRUE e de organizacións sindicais, promotores do manifesto.
Máis I+D+I e non rebaixas dos custes laborais
Olaia Fernández Davila explicou ao grupo de científicos que o BNG sempre defendeu a necesidade de cambiar o modelo productivo do Estado español. Hai que mudar o modelo especulativo baseando no ladrillo por un modelo cimentado na innovación e no desenvolvemento tecnolóxico a fin de lograr un medre económico sostido e capaz de facer fronte ás crises económicas.
A deputada do BNG informou aos científicos e científicas presentes que desde hai moitos anos, especialmente nos tres derradeiros, o BNG pide nos Orzamentos Xerais do Estado un aumento das partidas destinadas á ciencia e ao I+D+I porque consideramos que é através da innovación e o desenvolvemento como se pode mellorar a competitivade e non através da rebaixa dos custes laborais que é o que está a facer o PP.
Davila agradeceu ao colectivo do eido da ciencia a unidade e o esforzo que están a facer e lles garantiu o respaldo do BNG ás súas demandas e traballaremos no Congreso para que se canalicen de xeito conxunto.
A deputada do BNG asegurou aos representantes de Carta pola Ciencia que o BNG vai demandar nos vindeiros Orzamentos que se incremente a partida destinada a I+D+I.