Davila afirma que o Presidente do Tribunal Constitucional debería dimitir

A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, solicitou esta mañá a comparecencia da Vicepresidenta do Goberno e Ministra da Presidencia, Soraya Sáenz de Santamaría, para que explique “a situación do Presidente do Tribunal Constitucional, Francisco Pérez de los Cobos, despois de coñecerse a súa militancia no partido no Goberno, dado que ocultou a pesar de ocupar un cargo que exixe non pertencer a ningunha formación política”.

“Este feito unido ás informacións que indican que ademáis realizou funcións de asesor do PP desde o ano 1992, e durante distintas estapas, precisa dunha explicación por parte do Goberno, sobre todo en relación á situación de Pérez de los Cobos, porque está en cuestión a credibilidade do Tribunal”, sinala Davila.

A portavoz do BNG quer que Soraya Sáenz de Santamaría informe no Congreso da posición do Executivo ao respeito, dado que este maxistrado foi proposto como candidato ao Constitucional polo PP no ano 2010 á Comisión de nomeamentos do Senado.

Debería dimitir

Davila considera que “o Goberno non é alleo a este problema e non pode mirar para outro lado. Á o seu candidato e está en xogo a independencia dun Tribunal Constitucional que ten por diante a resolución de recursos de grande relevancia. Pérez de los Cobos está totalmente desacreditado para exercer o cargo, e pola dignidade dun Tribunal que debería garantir en todo momento a independencia político e ideolóxica, debería presentar a súa demisión. A estas alturas, darse de baixa no PP é un acto simbólico porque estivo exercendo o cargo adscrito a uhna formación política”.

A portavoz do BNG afirma que “este caso debe levar aos dous grandes partidos á reflexión profunda sobre o modo no que se elixen maxistrados do Tribunal Constitucional. O sistema debe cambiar, ser máis democrático e transparente e non depender dos criterios do bipartidismo”.

A deputada nacionalista critica ademáis que “un maxistrado con manifesta aversión cara o nacionalismo democrático teña nas súa máns recursos que afectan á libre decisión de Catalunya”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG