En nome da sociedade galega, o BNG a través da súa senadora, Carme da Silva, lanzou un contundente chamamento ao Ministro de Transportes exixindo “respostas claras e acción inmediatas” sobre o futuro da autoestrada da AP-9 para rematar coa estafa que supón a continuidade das peaxes. A senadora nacionalista reclamou transparencia e un compromiso firme cos acordos acadados coa súa organización para implantar xa as bonificacións de até 75%, así como negociar Comisión Europea a anulación da prórroga da concesión e axilizar a transferencia da infraestrutura á Galiza.
Durante a sesión de control ao Goberno do Estado no Senado, o BNG lembrou que a sociedade galega leva anos sufrindo “a fraude” que supón a concesión da AP-9, unha situación que a organización nacionalista cualifica de “estafa”. Neste sentido, a senadora do BNG instou o executivo e, no concreto, ao Ministro de Transportes a “deixar de ser cómplice desta estafa” produto dunha “concesión fraudulenta do Partido Popular”.
O BNG, apunta Carme da Silva durante a súa intervención, exixe o fin da concesión da AP-9 e reclama ao Goberno que non prolongue máis unha situación inxusta e discriminatoria para a Galiza. "Non castigue aos galegos e galegas a seguir pagando esta autoestrada 24 anos máis" finda a senadora nacionalista.
“Aplicar xa” os descontos pactados co BNG
Carme da Silva tamén lembrou que o Presidente do Goberno comprometeuse a cumprir os acordos alcanzados co BNG no Acordo de Investidura: “compromisos que inclúen bonificacións e descontos para os usuarios recorrentes da AP-9”. A portavoz do BNG subliña que as contas prorrogadas permiten aplicar estes novos descontos de maneira inmediata, que se incrementarán de 50% a 75% a persoas usuarias superrecorrentes.
O Ministro avanzou a vontade do executivo de cumprir o acordado e incrementar as bonificacións en 27M€ polo que a senadora do BNG, apremiouno a poñelas en vigor durante este exercicio de 2024.
Negociar coa Comisión Europea e pór fin á concesión fraudulenta
Na súa réplica ao Ministro de Transportes, Carme da Silva insistiu na necesidade de que o Goberno acepte, tal e como está a propor a Comisión Europea, negociar no canto de continuar alegando unha prórroga da concesión, un proceso que supón unha "vía morta". A formación nacionalista insta o Goberno “a evitar a xudicialización do procedemento e negociar o fin dunha concesión que consideran ilegal, reclamando a liberación das peaxes para os galegos e galegas”.
De facto, o propio Consello de Estado recomendou en 2021 estudar con rigorosidade o custo do rescate da AP-9. Da Silva animou o Ministro a vencer as resistencias porque pode terminar coa concesión e traballar por unha AP-9 gratuíta. “É unha cuestión de vontade política. Houbo diñeiro para rescatar as radiais madrileñas, debe haber diñeiro para a Galiza” sinala Carme da Silva a Puente.