Si crítico do BNG á creación dunha comisión de investigación das caixas galegas

O BNG votou a favor da constitución dunha Comisión de Investigación das caixas galegas, que verá a luz no Parlamento Galego nos próximos meses.

Porén, o portavoz de Economía do BNG, Carlos Aymerich lamentou que o PP non admitise unha emenda do BNG para que “o traballo da Comisión non se quede nunhas conclusións e, pola contra, ao igual que no caso de Islandia, vaia máis alá e implique cambios no sistema financeiro e tamén no sistema político e social”.

En concreto, a emenda presentada polo BNG pedía uns obxetivos claros e precisos para a Comisión de Investigación:

  • Analizar a evolución económico-financeira das antigas caixas de aforros.
  • Analizar as causas e responsabilidades, políticas e directivas, da súa situación.
  • Analizar as responsabilidades polo mantemento dos antigos directivos nos seus postos e pola aprobación das indemnizacións que percibiron.
  • Esclarecer as responsabilidades pola fraude masiva das participacións preferentes e outros híbridos financeiros.
  • Esclarecer as responsabilidades pola situación actual da obra social.
  • Analizar o impacto que sobre o emprego tivo a bancarización das antigas caixas.

O PP quere controlar a fundación que xestionará o pouco que queda das caixas galegas

Por outra parte, o BNG votou hoxe en contra no Pleno do Parlamento Galego da toma en consideración da iniciativa do PP para converter Novacaixagalicia nunha Fundación. E é que para o portavoz de Economía do BNG a proposición de lei do Partido Popular “chega tarde e mal, pois o seu obxectivo é controlar a Fundación que xestionará o patrimonio que queda das caixas galegas”.

En concreto, o deputado do BNG criticou que “o PP presenta esta proposición de lei para modificar a Lei de Caixas de Galiza de forma precipitada o 28 de xullo porque xa non podían tapar máis as súas vergoñas, especialmente despois de que o 24 de xullo a Fiscalía presentara unha querela contra os ex-dirixentes das caixas galegas”.

Ademais, Aymerich reprochou “as formas con que o PP presentou esta iniciativa, tarde e mal e sen consuala cos traballadores da obra social das caixas nin cos demáis grupos parlamentares”.

O PP quere controlar a obra social que queda das caixas galegas

Porén, para o parlamentario nacionalista o máis grave é que “con esta lei o PP quere consolidar o seu control sobre a Fundación e sobre Novacaixagalicia, pase o que pase nas próximas eleccións galegas”.

Así, o articulado da proposición de Lei promovida polo Grupo Popular “garántelle ao PP o nomeamento de 7 dos 12 membros do Padroado da Fundación e a duración do seu mandato é indeterminada”.

Ademais, Carlos Aymerich criticou que “non se garante nin a orientación nin o mantemento da obra social”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG