Cosme Pombo pide a Jesús Vázquez que non "desmantele a cultura" como está a facer co ensino público

O deputado do BNG rexeitou de novo uns orzamentos que continúan  a senda da privatización do ensino público e enterran a cultura galega

O portavoz de Educación do BNG, Cosme Pombo pediu hoxe un cambio de rumbo nas políticas da Consellería de Educación e Cultura para evitar o seu desmantelamento.

Tras saudar ao público presente no hemiciclo no que se encontraban distintos representantes do sector cultural, o deputado do BNG lembrou o texto dunha chapa co lema “Cultura contra a mentira” para cualificar a intervención de Jesús Vázquez.

Na súa intervención, Pombo afirmou que o “discurso de ensoño” do titular de educación e cultura, non se mantén nin sequera utilizando “verbas requintadas e lixeiras” porque a realidade, dixo, témola nos orzamentos do 2013, rexeitados polo BNG, e que ao seu xuízo provocarán: “máis recesión económica, máis paro, menos educación, menos ordenación universitaria e menos cultura”.

A cultura, sentenciou , “vai camiño da sepultura” cun recorte de 153 millóns e medio tan só nun ano, vostede, engadiu, leva na consellería dende o 2009 recortando máis do 32 por cento dos orzamentos que supoñen 660 millóns de euros menos para un sector que xera un gran número de postos de traballo.

O Goberno galego é o único goberno que recorre aos tribunais en contra da súa propia lingua

Cosme Pombo denunciou as liñas e obxectivos da consellería que están a sepultar os sinais de identidade da nosa cultura empezando, dixo, pola lingua galega.Vostedes seguen coa teima de “levar o Decreto do Plurilinguismo” ante o Tribunal Supremo, e non se dan conta que o Goberno galego é o primeiro goberno que recorre ante os tribunais en contra da súa propia lingua”.

O deputado tamén aludiu na súa intervención, á resposta social en defensa da lingua galega. Os escritores e escritoras, os colectivos da mocidade, a comunidade educativa, as AMPAS e a propia Real Academia Galega reclamou onte volver a norma aprobada por unanimidade no ano 2004, e preguntou porqué o Partido popular non se acepta as sentencias do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza e segue a “pleitar contra a nosa lingua”, manifestou.

Desmantelamento do sector cultural galego

A paralización da Rede de teatros, de música ao vivo e salas, así como ás cantidade adebedadas durante o ano 2012 a estas redes foron algunhas das cuestións sobre as que Pombo interpelou a conselleiro sen acadar ningunha resposta ao respecto.

O debate parlamentario coincidía cunha concentración de actores, actrices e representantes do sector cultural nas portas do Parlamento galego en defensa dos intereses dos profesionais das Artes escénicas e musicais e contra o desmantelamento do sector cultural galego.

Cosme Pombo considerou que mentres se están “enterrando cantidades multimillonarias na Cidade da Cultura” e nun proxecto “fracasado”, a cultura galega segue esmorecendo por falta de apoio e financiamento.

Privatización do ensino público e aplicación da Lei Wert

Por último, o deputado do BNG afirmou que a realidade galega non é outra máis que a “liquidación do ensino público” camiño dunha brutal privatización, “322 unidades e 46 escolas pechadas, 2.000 profesores menos e o Programa Preescolar na casa aniquilado”.

O nacionalista concluíu denunciando a falta de recursos para o ensino público galego e alertou da ameaza que supón a aplicación da Lei Wert que reforza un ensino elitista expulsando do sistema educativo galego público aos menos favorecidos.

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG