Os contratos para loitar contra o lume, causa da caída do paro en agosto

O BNG valora como positivo o dato de paro rexistrado de agosto, pero advirte que a caída da cifra de inscritos nas listas do INEM no reflexa unha reactivación da actividade económica, como pretende facer creer o PP a base de propaganda, senón que está motivada polos contratos para loitar contra a vaga de lumes.

Neste sentido, o portavoz nacional, Xavier Vence, quixo aclarar que no mes de agosto se formalizaron máis de 3.000 contratos de brigadistas e persoal de loita contra os incendios por parte da Xunta, dos concellos e de empresas contratadas para a extinción de lumes, contratación masiva que explica a case totalidade do recorte do paro rexistrado do mes pasado.

“O irresponsable triunfalismo do PP non se xustifica co dato de paro rexistrado de agosto que, lamentablemente, non ten nada a ver coa recuperación económica, senón coa masiva contratación de persoal por parte da Xunta e dos concellos para loitar contra a vaga de lumes”, argumentou Vence.

A esta contratación de persoal para as brigadas antilume, o BNG suma o desánimo dos que buscan traballo, pero que xa non se apuntan nas oficinas de emprego porque o consideran inútil, e os moz@s que emigran, que tampouco computan no paro rexistrado, para completar as causas que terminan de explicar o dato de agosto.

“Evidentemente, é positivo que o paro rexistrado baixe e así o valoramos desde o BNG, pero concluír que ese dato implica unha recuperación da economía é pura propaganda do PP e do Goberno da Xunta, e supón un insulto á intelixencia, en particular para os miles de galegos e galegas que sofren o drama do desemprego”, conclúe Vence.

 

 

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG