O Consello Nacional crea un grupo de traballo para recoller as achegas da militancia

O Consello Nacioal aprobou esta mañá a constitución dun grupo de traballo que terá coo propósito sintetizar as achegas feitas pola militancia ao proceso de debate aberto no seo do BNG.

Este grupo estará constituído por membros do Consello Nacional e celebrará a súa reunión nos próximos días nunha data por determinar.

Compre lembrar que o proceso de debate encetado polo BNG ten vocación de ser enormemente participativo e de, no seu momento, abrirse á participación de simpatizantes e de persoas representativas de distintos sectores sociais.

Guillerme: “A fin do debate é reorientar ao BNG e recuperar confianza social no proxecto nacionalista”

A respecto disto, e na súa intervención, o portavoz nacional do BNG, anunciou na súa intervención previa que “estamos inmersos nun proceso de debate, mais non como paréntese na actividade ou ensimesmado en si mesmo”. “Un debate -precisou- que iniciamos nas asembleas comarcais, cun alto grao de participación e madurez, e cuxo fin é reorientar ao BNG e recuperar confianza social no proxecto nacionalista”.

O BNG considera “unha burla macabra” o decreto sobre desafiuzamentos aprobado polo Goberno

Por outra parte, o líder nacionalista subliñou na súa intervención que que “o primeiro responsábel da crise hipotecaria é a banca e o poder político que permitiu e alentou prácticas a todas luces inmorais; son responsábeis os gobernos: agora o do PP e antes o goberno do PSOE”.

“As persoas -advertiu- nin son responsábeis nin teñen que pagar as consecuencias de teren perdido o traballo, de veren reducidos os seus salarios ou da depreciación do valor dos seus inmóbeis”.

O Decreto de Rajoy é unha operación cosmética que non cambia o substancial

E por iso, Guillerme afirmou que “para o BNG é unha burla macabra o paripé PP-PSOE de aparente busca de solucións para para estes desafiuzamentos salvaxes; unha burla negra porque son os mesmos, PP e PSOE, que votaron unha e outra vez contra propostas, como as do BNG, para modificar a Lei Hipotecaria ou a favor da dación en pago”.

Neste sentido, cualificou de “burla macabra” o Decreto do Goberno de Rajoy sobre desafiuzamentos aprobado onte, “pois nada resolve porque nada substancial cambia”.

http://youtu.be/UV7v8sjDfvM

Pola contra, denunciou que “trátase simplemente dunha operación cosmética inaceptábel”.

Ante esta situación, anunciou que “o BNG insistirá e combaterá e estará ao carón das vítimas para conseguir unha solución xusta, que pasa inevitabelmente porque a banca pague as consecuencias da súa mala cabeza, da súa avaricia insaciábel”.

“Nada positivo agardamos do novo goberno Feijóo”

Por outra parte, Guillerme recoñeceu que “o BNG non agarda nada positivo do goberno Feijóo, só máis do mesmo”.

Neste sentido, o portavoz nacional prognosticou que “Feijóo aplicará na Galiza a política de Rajoy; seguirá coa cantinela da austeridade para as clases populares; negarase a exercer as propias competencias, a exercer como presidente de Galiza, e menos aínda intentará alongalas; afondará na política de reseespañolización de Galiza e seguirá a mirar para outro lado mentres Galiza perde tecido económico e emprego a esgalla”.

“Unha política -avanzou- que combaterá decididamente o BNG e á que formularemos alternativas, porque para o BNG Galiza non é un país pobre, é un país empobrecido pola aplicación de políticas contrarias aos nosos intereses”.

O Consello Nacional do BNG condena a nova agresión de Israel ao pobo palestiniano

Por último, o Consello Nacional aprobou por unanimidade a seguinte proposta de resolución:

“O Consello Nacional do BNG amosa a súa solidariedade do pobo palestino e condena tallantemente a agresión israelí que estes días está a bombardear a faixa de Gaza e asasinando poboación palestiniana.

O BNG denuncia que diante da pasividade da chamada comunidade internacional, Israel volve empregar o sangue inocente dos palestinos nas súas compañas políticas, nun momento no que se vai votar na ONU o novo estatuto de Palestina e en xaneiro haberá eleccións en Israel.

Xa que logo, o BNG insta tamén ao goberno do señor Rajoy a non permanecer indiferente, a condenar estes ataques do Estado israelí e a defender activamente unha solución política e xusta para ese conflito.

O BNG, en consecuencia, chama á cidadanía a manifestarse contra estas agresións e en defensa do que é xusto: o Estado palestino.

Neste sentido, o BNG convoca concentracións en todas as cidades galegas o vindeiro luns no entorno das 20:00 horas”.

 

http://youtu.be/vCxbx9G512I

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG