Galegas 2024

O Consello Nacional aproba as “mellores candidaturas” para canalizar o voto do cambio útil e abrir un novo tempo en Galiza

Ana Pontón
Ana Pontón

Pontón destaca a experiencia acumulada como “gran activo” para gobernar e pide a confianza dxs galegxs porque co BNG a Galiza “vaille ir moito mellor”

Olalla Rodil, Noa Presas e Luís Bará serán cabezas de cartel nas listas do BNG para o 18-F, que inclúen a Mercedes Queixas como número dous na Coruña

As candidaturas aprobadas polo Consello Nacional “gañan impulso” con novas incorporacións e son reflexo dunha sociedade “diversa, plural e integradora”

 

 

Santiago de Compostela, 13 xaneiro, 2023.  O Consello Nacional do BNG aprobou este sábado as “mellores candidaturas” para canalizar o voto do “cambio útil” nas eleccións do 18-F e abrir un novo tempo en Galiza. Unhas candidaturas que, segundo destacou a portavoz nacional e candidata á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, “gañan impulso con novas incorporacións pero tamén apostan polo inmenso caudal de experiencia” acumulada durante os últimos anos polo grupo parlamentario. “A experiencia na oposición é un gran valor e un gran activo para liderar o próximo goberno de Galiza”, subliñou.

Pontón comprometeu a vontade de todos as candidatas e candidatos a “deixarse a pel” e a non “escatimar esforzos”  para dar resposta a esa maioría social que quere cambio e ve no BNG a alternativa real para conseguilo. “Este é o momento do BNG, porque somos a forza do cambio útil para Galiza, somos a esperanza e a ilusión para todas as persoas que queren abrir un tempo novo, e imos deixarnos a pel para ofrecerlles a vitoria do cambio o 18F”, proclamou.

O pobo galego, proseguiu, afronta un momento decisivo na súa historia coa oportunidade de “colocar Galiza lugar que lle corresponde” da man dun goberno liderado polo BNG e tras corenta anos nos que o País tivo seis presidentes “todos homes e todos de forzas estatais” que non foron capaces de facelo, sostivo.

“É o momento de apostar por algo diferente, de apostar por unha muller na Presidencia e por unha forza libre de ataduras como o BNG”, afirmou, para solicitarlle aos galegos e as galegas a confianza e poder demostrar que co Bloque “a Galiza vaille ir moito mellor”.

Nun chamamento á mobilización masiva e a concentrar no BNG todo o voto do cambio como única alternativa para derrotar ao PP, Pontón advertiu de que “non se pode perder ningunha papeleta” porque existe unha maioría “que quere abrir un tempo novo” a partir do 18-F. “Hai moitas formas de sentirse galego e galega e todas son necesarias para construír a Galiza en grande que queremos e merecemos”, declarou nunha chamada a votar BNG tamén a aqueles que elixiron a paleta doutras forzas en anteriores citas electorais.

Preparados para gobernar dende a responsabilidade, a seriedade e o rigor

A candidata nacionalista proclamou “este é o momento de facernos cargo do goberno do País” e subliñou que no BNG “estamos preparados para gobernar desde a responsabilidade, a seriedade e o rigor”, para darlle á sociedade galego un goberno “sen ataduras nin servilismos a Madrid e que unicamente sexa leal aos galegos e as galegas”.

Fixo así un chamamento á militancia e á maioría social que quere cambio a afrontar a cita do 18-F dende a “esperanza e a ilusión”, convencida de que “hai partido” neste momento no que, ademais, o PP “entrou directamente en pánico”. Só así se explica, agregou, a xestión “tan incompetente, tan chea de mentiras e tan irresponsable” como a que están a facer na crise dos pellets, “repicando punto por punto o nefasto protocolo do Prestige”.

Dende a humildade, dixo, recomendoulle a Alfonso Rueda que “non menosprece a intelixencia dos galegos e das galegas intentando tapar con mentiras e insultos a súa nefasta xestión deste desastre ambiental”, advertindo que “o que prexudica a imaxe de Galiza é un goberno do PP sen rumbo, noqueado, superado polas circunstancias, incapaz de xestionar esta crise e que, ademais, ten nun total abandono a un dos sectores máis importantes do País”. Trasladou, neste sentido, todo o apoio do BNG á xente do mar.

No que se refire ás candidaturas aprobadas polo Consello,  salientou que “o que funciona non se cambia” e, de aí, que Olalla Rodil, Noa Presas e Luís Bará renoven como cabezas de cartel en Lugo, Ourense e Pontevedra, respectivamente, mentres na Coruña Mercedes Queixas será a número dous na lista encabezada pola propia Pontón, que tivo para todos eles palabras de recoñecemento polo traballo feito nos últimos anos.

Destacou, ademais, a aposta pola igualdade dunhas candidaturas que combinan experiencia e renovación, cunha forte presenza de mulleres, con equilibrio territorial e nas que a mocidade “ten moito que dicir”. “As candidaturas do BNG son como a sociedade galega: diversa, plural e integradora”, apuntou, subliñando ademais o reflexo que van ter nas listas todos os ámbitos da sociedade con persoas “preparadas e ben formadas”.    

 
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG