parlamento galego

O conselleiro de Educación négase a confirmar se haberá orzamentos en 2025 para as deficiencias do CPI Castro Baxoi

Mercedes Queixas
Mercedes Queixas
Mercedes Queixas critica que tampouco asegurase a construción do novo IES prometido polo PP nas últimas eleccións municipais de 2023

A deputada Mercedes Queixas recriminoulle ao conselleiro de Educación, Román Rodríguez, que non contestase á pregunta do BNG de se haberá ou non orzamentos en 2025 para arranxar as deficiencias do Centro Público Integrado (CPI) Castro Baxoi de Miño, e acusouno de incumprir os compromisos acadados nas últimas eleccións municipais co centro: o arranxo da cuberta do edificio e a construción dun novo Instituto de Ensinanza Secundaria (IES).

A deputada nacionalista argumentou que as obras son moi necesarias para resolver a tensión do centro derivada do aumento da poboación para poder ensanchar a oferta académica a Bacharelato e Formación Profesional. Malia a todo, ano e medio despois, do compromiso do PP “nada máis se soubo”, lamentou, mentres amosaba unha fotografía na se podía ver o titular de Educación canda a candidata do PP de Miño visitando a parcela onde se construiría o centro.

Queixas trasladoulle ao conselleiro outra situación que, segundo afirma,  constitúe un agravio comparativo co resto de centros en Galicia, e é que a Consellería de Educación “está obrigando a incumprir a súa propia lexislación”, ao autorizar un horario escolar no que o alumnado de Ensinanza Secundaria Obrigatoria (ESO), “perde 90 minutos de clase á semana, é dicir, dúas clases, negándolle á dirección do centro regularizar o horario legal como pedira e segue a pedir desde o centro, cuestión que tamén esquivou Román Rodríguez.

“Que vai facer a Consellería? Denegala de novo, vulnerando os dereitos do alumnado a custa de garantir a comenencia e interese particular do transporte escolar? Ou Vai recoñecer que a verdadeira razón é que defenden vostedes os intereses privados das empresas de transportes antes que os do ensino público?”. “Vai blindar o dereito a unha educación pública de calidade como demanda a comunidade educativa?”, preguntou.

A deputada asegurou que “a presión da Asociación de Pais e Nais de Alumnado” (ANPA)  conseguiu que o PP “evitase, en parte, continuar co recorte de profesorado que iniciaron o curso pasado”, pero lamentou que mandasen dous “ medios profesores”. Con todo, apuntou, “non enviou todos os profesionais de Pedagoxía Terapéutica que solicitou o centro para atender as necesidades educativas especiais, nin se puido garantir a docencia das optativas que oferta, malia á alta demanda do alumnado, debido á falta de profesorado en ESO”.

Queixas engadiu que “nestas rebaixas non atoparon como cumpriren o catálogo de promesas”, malia a que mellorar a cuberta do edificio durante o verán foi un compromiso do Secretario Xeral de Educación, Manuel Vila no Parlamento en xullo de 2023. “Un ano e medio despois, todo segue igual”, lamentou.

Na súa exposición, a deputada da Coruña constatou que a comunidade educativa leva xa desde finais do curso pasando reiterando publicamente a necesidade de que o goberno da Xunta atenda as deficiencias deste entro educativo, comezando polas que “teoricamente estaban comprometidas”.

Afirmou que o CPI Castro Baxoi  medra en matrícula xa que Miño é un dos escasos concellos galegos que segue a medrar en poboación, ao funcionar como polo de atracción de nova veciñanza procedente das comarcas da Coruña e Ferrol, así como receptor de inmigración.

Malia a todo, acusou o goberno de “non dar resposta á comunidade educativa de Miño, tal e como viñeron manifestando en sucesivas mobilizacións e que aínda continúan a día de hoxe, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG