A conselleira do Mar ten que asumir responsabilidades ante a traxedia de Oia

Montse Prado considera que non chega con investigar o sucedido na traxedia na que perdeu a vida unha percebeira senón que Rosa Quintana debe dimitir por “coñecedora, consentidora e cómplice” dos novos tempos de resposta do helicóptero Pesca 1

A voceira de Pesca do G.P. do BNG, Montse Prado, pide á conselleira do Mar, Rosa Quintana, que asuma a súas responsabilidades ante a traxedia acontecida onte en Oia, na que perdeu a vida unha percebeira, toda vez que a consellería era “coñecedora, consentidora e, por tanto, cómplice” das novas condicións do contrato con Inaer, empresa privada da que depende o helicóptero de Salvamento Pesca 1.

Montse Prado considera que o lamento pola perda irreparábel dunha nova vida no mar non pode impedir a reivindicación de medidas que eviten que se reproduzan este tipo de dramas nin a denuncia de posíbeis irregularidades como as que se confirma aconteceron neste caso.

O tempo de resposta no mar pode ser determinante no desenlace dun sinistro

Neste sentido, a deputada nacionalista salienta que a propia consellería do Mar tivo que recoñecer que coas novas “condicións transitorias” do helicóptero, en vigor dende o 28 de Novembro e que estabelece que durante 33 días as gardas dos pilotos sexan localizadas e non presenciais, aumenta o tempo de resposta ante unha chamada de auxilio.

“Un tempo que en calquera sinistro pode ser vital para o desenlace do accidente pero que aínda é moito máis determinante cando se está a falar de sucesos no mar”.

Proba/erro

Prado lembra que no contrato de prescricións técnicas que vincula á consellería do Mar con Inaer se estabelece un tempo máximo de resposta de dez minutos durante os 365 días do ano, mais no triste suceso de onte foi de máis de 20 minutos, “non é de recibo que a propia consellería do Mar diga que este tempo é normal porque é acorde coa nova modalidade de garda non presencial”.

Para a parlamentar, é “tremendo” que cando se está a falar dun servizo do que dependen vidas humanas se adopten decisións, por moi transitorias que sexan, tan arriscadas.

“Non se pode xogar a proba/erro cun operativo que é vital para as xentes do mar, nomeadamente para un colectivo como o dos percebeiros e percebeiras, que é especialmente sensíbel a algún tipo de percance polas súas durísimas condicións de traballo”.

Montse Prado conclúe, por tanto, que non chega con investigar e rectificar de novo as condicións do contrato, senón que hai que asumir responsabilidades e a conselleira debe dimitir.

Iniciativas parlamentares

A deputada nacionalista rexistrou unha batería de iniciativas para que se lle remita toda a documentación sobre o contrato con Inaer e para que a Xunta explique en sede parlamentar como foi o operativo de rescate no caso de Oia.

 

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG