Congreso: Davila acusa a Rajoy de "mintir" e afirma que "non son soportábeis máis mintiras"

A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, acusou esta tarde ao Presidente do Goberno español, Mariano Rajoy, de “mintir en todas as ocasións nas que negou ter relación co ex tesoreiro do PP, o Señor Bárcenas”.

A Deputación Permanente da Cámara debatía esta tarde a solicitude de comparecencia do Presidente do Goberno español solicitada polo BNG o pasado 15 de xullo, despois de se publicar o intercambio de mensaxes de sms entre Rajoy e Bárcenas, con comunicacións que se estenden até o presente ano.

Na súa intervención, a portavoz do BNG no Congreso sinalou que “se xa había razóns suficientes e fundadas para unha comparecencia do Presidente do Congreso polo escándalo que se chama PP, se xa había razóns dabondo polo caso Bárcenas, aínda hai máis despois da relación epistolar e o intercambio de sms entre o Presidente do Executivo e o ex tesoreiro do PP”.

“Rajoy mentiu en todas as ocasións nas que dixo que non tiña ningunha relación co ex tesoreiro. E a mintira é o que menos temos que soportar dun Presidente do Goberno”, enfatizou.

“De seguer a mintir o día 1, Rajoy debe dimitir e convocar eleccións”

Davila puxo de manifesto que o “vindeiro 1 de agosto Rajoy vai comparecer pero non o fará por vontade propia, faráo debido ao clamor social, político e incluso internacional, presionado por todos os que lle exiximos dar explicacións desde o primeiro momento”.

A deputada do BNG demandou a Rajoy que o “vindeiro 1 de agosto diga a verdade, que a versión que vaia dar no Congreso veña acompañada de dados e probas, porque máis mintiras non son soportábeis. De seguer mintindo, o Presidente do Goberno debería dimitir e convocar eleccións”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG