Concentracións contra a intervención militar en Siria

Ante a posible e inminente intervención militar en Siria, auspiciada por Estados Unidos sen aval da ONU, o BNG convoca concentracións de protesta nas principais cidades dos país as que convida a participar activamente a cidadanía galega baixo o lema "Non á guerra".

As primeriras destas convocatorias están previstas para o luns 2 de setembro na Coruña diante da Subdelegación do Goberno ás 20.00 horas, en Santiago de Compostela ás 20.30 horas na praza do Toral,  en Pontevedra as 20.30 na praza da Peregrina e en Foz, tamén as 20.30 horas diante da casa do Concello. Novas concentracións están previstas para os próximos días noutros  pontos do país.

Con istes actos de protesta, a formación nacionalista rexeita  a intervención militar e aposta pola vía pacífica e democrática para a resolución dos conflitos sempre no marco do respecto á soberanía dos pobos.

Neste sentido, lembra que de novo estamos ante una información non probada para xustificar unha intervención militar, unha manipulación que lembra o engano masivo á opinión pública internacional que se elaborou para o caso de Irak cunhas supostas armas de destrución masiva que nunca apareceron. Mentres tanto asistimos xa á perda de vidas humanas e a unha nova vaga de persoas refuxiadas, algo que non podemos máis que lamentar e sobre o que exiximos que se poña o foco desde o primeiro momento.

Para alén de ser reprobábel e inxustificábel, a intención de EEUU é ilegal, ao contravir o dereito internacional, non pasar polo Consello de Seguranza das Nacións Unidas nin ter o visto e prace de ningún organismo internacional. Supón, pois, unha actuación unilateral dos USA xunto con algúns socios da OTAN, que queren demostrar a súa supremacía e o seu poder para actuaren sen render contas a ninguén.

O BNG exixe que o Estado español non interveña, nin de maneira directa nin indirecta mediante subterfuxios, nesta operación militar que, de se producir, só demostra a incapacidade dalgúns gobernos e dirixentes políticos de aprender dos erros do pasado e pon de manifesto a falta de vontade para articular os mecanismos que fagan posíbel a resolución democrática dos conflitos e a convivencia desde o respecto á soberanía dos pobos.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG