Concentracións en apoio a Ana Miranda e en solidariedade con Palestina

Ana Miranda

Apoio-AnaMirandaNa madrugada do día de hoxe buques de guerra da armada israelí asaltaron en augas internacionais a embarcación “Marianne”, pertencente á “Frota da Liberdade”, que se dirixía con material humanitario a Gaza. Nesta embarcación viaxaba a nosa compañeira Ana Miranda, xunto outros 16 tripulantes de diversas nacionalidades.

Ana Miranda e o resto de tripulantes viaxan agora retid@s e incomunicad@s polas forzas armadas israelís até o porto militar de Ashdod. Cómpre aclarar que o asalto, en augas internacionais, vulnera os máis elementais principios do dereito marítimo internacional: é un acto de auténtica pirataría. Pola información que posuímos, o goberno israelí vai negar asistencia consular á súa chegada a Ahdod, e todo indica que Ana Miranda e o resto de activistas serán conducidos a un “centro de detención” baixo xurisdición militar.

Desde o primeiro momento, o BNG está a realizar xestións urxentes perante o Goberno español, Comisión Europea e Xunta de Galiza co fin de reclamar a seguranza, integridade e posta en liberdade de Ana Miranda e o resto de activistas internacionais. Rexeitamos rotundamente este novo acto imperialista do estado de Israel, e manifestamos a nosa plena solidariedade co pobo palestino.

Accións valentes como a de Ana Miranda teñen como obxectivo, xustamente, o de pór en cuestión a impunidade do estado de Israel e reivindicar o fin do bloqueo a Gaza.

O BNG e outras asociacións de solidariedade con Palestina teñen convocadas concentracións urxentes nas cidades galegas no día de hoxe. Expresemos a nosa solidariedade, e asistamos:

- Compostela: 20.30 horas na praza do Toural.

- Vigo: 20.00 horas no Marco.

- Ourense: 20.30 horas, Praza do Ferro.

- A Coruña: 20.00 horas no Obelisco.

- Pontevedra: 20.30 horas na Peregrina.

 

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG