O BNG denuncia que a reforma local imposta por Madrid xa está a ter consecuencias nos concellos, que comenzan a recibir avisos de ilegalidade para seguir adiante con servizos que ata agora prestaban aos veciños e veciñas con normalidade, como os plans de emprego ou actuacións de promoción económica e cultural.
Ante esta situación, a formación nacionalista reclama da Xunta dúas medidas urxentes: recursos de inconstitucionalidade contra a lei estatal e a presentación dunha reforma local propia e específica para os concellos galegos en lugar do remendo de anteproxecto presentado polo vicepresidente Alfonso Rueda á FEGAMP.
Non pasa de ser un parche que acepta o fundamental da lei que impón o Estado, malia que ataca a autonomía municipal e da Xunta e impón criterios de xestión sometidos á estabilidade financeira pero ignorando a calidade dos servizos, as necesidades dos veciños e veciñas e abre as portas de par en par a privatización sistemática dos servizos públicos, denunciou o portavoz nacional, Xavier Vence.
Neste sentido, o BNG xa anuncia a súa posición en contra do anteproxecto presentado pola Xunta, porque regula aspectos menores e se limita a facilitar a aplicación da reforma local aprobada polo Estado que vai en contra dos concellos galegos, argumentou o portavoz na Fegamp e alcalde de Allariz, Francisco García.
A lexislación non é inocua e xa estamos a notar as consecuencias con advertencias de ilegalidade da posta en marcha de plans de emprego, pese a demanda social nesta conxuntura de crise, que ata agora viñamos facendo con normalidade, e tamén de plans de promoción económica, mantemento de servizos de proximidade ou actuacións de servizos culturais e deportivas, argumentou García.
Concellos como parapeto da cidadanía
Vence tamén subliñou que os concellos do BNG seguirán actuando en defensa dos intereses da cidadanía contra as reformas lexislativas do PP que recortan servizos e dereitos.
A liña do BNG nos concellos é de insubmisión total ás políticas estatais que erosionan, agreden e laminan os dereitos sociais da cidadanía, e o farémolo polas vías acaidas, incluíndo recursos administrativos contra resolucións manifestamente inxustas, como a imposición aos concellos do taxazo de Sogama, explicou Vence.
Unilateralmente Sogama cambia o prezo do contrato de 55 a 77 euros máis IVE por tonelada, non porque o servizo que presta sexa máis caro, senón para compensar ingresos que deixa de ter por outro lado, incumprindo o contrato non se recolle unha subida anual do IPC. Non se pode consentir, alega García.
Neste contexto, e como administración máis próxima, os concellos teñen que ser un parapeto de defensa dos intereses da cidadanía, concluíu Vence.