Coincidindo coa celebración da Diada un total de oito formacións políticas de distintas nacións e pobos do Estado, celebraron o 20 de setembro un encontro en Barcelona destinado a dar un apoio expreso ao pobo catalán e a abrir unha vía de solidariedade activa perante as ameazas e ataques ao proceso aberto neste país. Representantes de Galiza, Castela, Mallorca, Valencia, Euskal Herria, Aragón e Asturias adoptaron unha declaración na que se reclama respecto para as decisións que adopte a cidadanía do Principat o 27 de setembro. Estas formacións comprometéronse ademais a coordinar cara ao futuro eventuais respostas perante as medidas que poida adoptar o Estado contra Catalunya e, máis en xeral, a compartir iniciativas para facer avanzar as reivindicacións soberanistas en cadanseu país.
A reunión tivo como escenario a sede do Ciemen (Centre Internacional Esquarré per a les Minories Ètniques e les Nacions) e contou coa presenza, como anfitrións e observadores do encontro, de representantes de CUP e ERC.
Coa vista posta nas eleccións do 27 de setembro no Principat, formacións de Galiza, Euskal Herria, Castela, Asturias e tamén do Pais Valencià e Mallorca, recoñecen expresamente o carácter plebiscitario e/ou constituínte destes comicios.
Andecha Astur, Bloque Nacionalista Galego (BNG), Bloc Nacionalista Valencià (Bloc), Chunta Aragonesista ( CHA), Euskal Herria Bildu ( EH Bildu), Izquierda Castellana ( Izca), Mes per Mallorca (MES) e Puyalón de Cuchas expresan con clareza que a situación en Catalunya, e o modo en que esta a enfronten a comunidade internacional, a Unión Europea e o Estado español, determinará en grande medida as posibilidades de que se habilite un marco de respecto ao dereito das nosas nacións a adoptar libremente as decisións que afectan aos seu futuro.
Do mesmo xeito, as organizacións impulsoras do manifesto entenden que o respecto á vontade democrática e ao recoñecemento dos dereitos dos Pobos deben ser as bases dun marco de relacións máis xustas e solidarias e manifestan a súa aspiración a construír unha nova Europa, fundamentada nun modelo de xustiza social e de ben vivir, que libre os pobos da chantaxe da débeda e preserve os dereitos sociais básicos e as liberdades cidadáns.
As formacións participantes no encontro comprometéronse a manter unha interlocución permanente arredor do proceso aberto en Catalunya, máxime cando desde o Estado se profiren todo tipo de ameazas e se insinúan xa medidas coercitivas contra Catalunya.
Igualmente, na reunión acordouse abrir vías de interlocución e colaboración entre as formacións asinantes do manifesto e outras que poidan recoñecerse nos termos desta iniciativa para facer avanzar o debate en favor dunha ruptura democrática, ao entenderen que o cambio político xógase nas nacións e no respecto ao dereito a decidiren sobre todas as cuestións que afectan ao seu futuro, ou, o que é o mesmo, na habilitación de procesos constituíntes non subordinados a unha eventual e, hoxe por hoxe, pouco plausible reforma da Constitución española de 1978.
Declaración Liberdades Pobo Catalán