Diante da decisión do goberno español de asumir a postura de Marrocos de non respectar o dereito de autodeterminación do pobo saharauí, o BNG manifesta:
- Que a postura do goberno español é unha traizón ao pobo saharauí, supón pregarse aos intereses de Marrocos e vai en contra de todos os acordos adoptados até o momento polas institucións internacionais, que unanimemente se teñen pronunciado a favor do dereito do pobo saharauí a exercer o seu dereito de autodeterminación, por medio dun referendo entre a súa poboación.
- Que a postura do goberno español supón lexitimar a ocupación por parte de Marrocos, a represión, a violación dos dereitos humanos e o roubo das riquezas existentes en territorio saharauí. Ademais demostra que a política exterior do goberno español se alinea claramente cos posicionamentos dos EUA e Israel, dous estados coñecidos pola súa política imperialista de agresión a outros pobos, e apoio a réximes antidemocráticos, como é o caso da monarquía marroquí.
- Que esa decisión aumenta a situación de tensión nunha rexión na que a provocación de Marrocos en novembro de 2020 , levou ao reinicio do enfrontamento bélico entre os exércitos saharauí e marroquí.
- Que esta postura supón a asunción de parte , e por tanto impide que o estado español poida xogar un papel no proceso de descolonización, en base á Carta das Nacións Unidas e aos acordos sobre descolonización da última colonia existente no continente africano.
- Que esta decisión é un exercicio de cinismo inaceptábel, xa que mentres demandan a soberanía para Ucraína diante da invasión de Rusia, néganlle ese dereito ao Sahara Occidental e ao pobo saharauí; poñendo os intereses económicos e xeoestratéxicos por riba dos dereitos dos pobos e do respecto polos dereitos humanos.
O BNG esixe do goberno español unha rectificación da posición, e a defensa consecuente do dereito do pobo saharauí a exercer o seu dereito de autodeterminación por medio dun referendo .
O BNG mostra unha vez máis o seu máis firme apoio ao pobo saharauí, e ao seu único e lexítimo representante o Frente Polisario, na súa loita contra a ocupación militar e polo exercicio pleno do dereito de autodeterminación e a independencia.
Versión en inglés.