Comunicado da Executiva nacional do BNG sobre o intento de golpe de estado en Venezuela

Venezuela
Venezuela

O Bloque Nacionalista Galego (BNG), a través da súa Executiva Nacional, reunida o pasado 28 de xaneiro, diante dos graves feitos que están acontecer en Venezuela, quere trasladar:

  1. O Bloque Nacionalista Galego quere expresar a súa máis enérxica condena ao intento de golpe de estado que se está a tratar de perpetrar en Venezuela e amosar a nosa solidariedade co pobo venezolano nuns momentos tan duros e complexos.
     
  2. Para o BNG, os antecedentes e a recente secuencia dos feitos, retrata unha estratexia predeterminada de desestabilización política, así como o enésimo intento de golpe de estado impulsado desde os Estados Unidos na rexión. O feito de que unha persoa autoproclamada como presidente interino sexa, en cuestións de minutos, recoñecida como tal por toda unha serie de estados e institucións con Donald Trump á cabeza, dá boa conta diso.
     
  3. Ante unha situación como esta, á comunidade internacional corresponderíalle facilitar canles de diálogo e distensión. Porén, o que está a facer é incrementar a tensión, promover a confrontación e darlle as costas á democracia.
     
  4. Para o BNG a posición do goberno español e da UE son absolutamente inaceptábeis e incompatíbeis coa democracia e cunhas relacións entre os pobos, xustas e en pé de igualdade. Mais unha vez, comprobamos como a política internacional da UE e dos seus estados membros funciona ao ditado dos EUA, até o punto de seren copartícipes, por acción ou omisión, de inxerencias imperialistas nun estado soberano. Nese sentido, condenamos enerxicamente o incumprimento do dereito internacional e negamos a faculdade do estado español ou a UE para lanzar ultimátuns a ningún estado soberano sobre cando debe ou non convocar eleccións. No fondo, claro está, non existe ningún afán “democratizador”, senón a intención de se facer cos ricos recursos naturais dese país, poñéndoos en mans de coñecidas corporación económicas, tamén de capital español.
     
  5. O pobo venezolano ten o dereito a construír o seu futuro sen inxerencias, decidindo libremente sobre a súa organización política e a administración dos seus recursos naturais. Por ese motivo, o BNG insta ao goberno da Xunta de Galiza, ao goberno español, á UE e ao conxunto da Comunidade internacional, a non recoñecer ao autoproclamado presidente e a respectar as decisións soberanas do pobo de Venezuela.
     
  6. Desde o BNG sempre apostaremos pola paz, a democracia e a libre determinación dos pobos sen inxerencias nin agresións e entendemos que só o pobo venezolano pode resolver a situación que atravesa o país. Os pobos do mundo debemos, máis unha vez, expresar o noso rexeitamento ás políticas imperialista. Por ese motivo, o BNG apoiará e participará activamente nas diferentes mobilización e actos que se realicen na Galiza en contra da intervención imperialista en Venezuela.

 

CONCENTRACIÓNS PREVISTAS

  • Vigo. Mércores 30, ás 20h. na Praza da Princesa.
  • Santiago de Compostela. Xoves 31, ás 20h. na Praza do Toural.
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG