Raúl Castro
Presidente da República de Cuba
Estimado compañeiro:
O Bloque Nacionalista Galego quere facerlle chegar o seu máis profundo pesar diante do pasamento do comandante Fidel Castro Ruz no día de onte, ao tempo que facemos extensivo este pesar á familia, ao pobo cubano e ao Partido Comunista de Cuba.
Para quen loitamos pola soberanía de Galiza e por construír unha sociedade máis xusta, Fidel Castro era un dos nosos, e non só pola orixe galega del e de vostede, senón porque a Revolución Cubana é un exemplo de loita dun pobo pola súa plena soberanía fronte ao imperialismo e pola construción dun futuro de xustiza e igualdade. Cuba debe mantense firme demostrando ao mundo que un pobo pode enfrontarse á explotación sobre a que se basea o capitalismo e construír unha sociedade na que primen a solidariedade, o respecto, a cultura, a igualdade e a xustiza.
Hoxe é un día triste pero o exemplo de Fidel sírvenos para manternos firmes na loita.
Até a Vitoria Sempre!